Informe sobre a situación da liberdade de expresión en España
Cinco entidades presentan nas Nacións Unidas un documento conxunto, no que aseguran que a liberdade de expresión sufriu un "grave deterioro" nos últimos anos, de cara a ser tido en conta no futuro Exame Periódico Universal dos dereitos humanos en España.
A Plataforma en Defensa de la Libertad de Información (PDLI), Access Info Europe, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), o Grupo de Estudios de Política Criminal (GEPC) e o Grupo de Investigación da Universidad Complutense de Madrid “Regulación Xurídica e Participación do Cidadán Dixital" veñen de presentar ante as Nacións Unidas un informe conxunto sobre a situación da liberdade de expresión en España. O documento, realizado no marco do Exame Periódico Universal de España para no grupo de traballo do consello de dereitos humanos de Nacións Unidas, reflicte, segundo as organizacións asinantes, o "grave deterioro deste Dereito Fundamental nos últimos anos".
O informe recolle casos recentes nos que figuras xurídicas como o enaltecemento do terrorismo, as inxurias á Coroa, as ofensas aos sentimentos relixiosos ou os delitos de odio serviron supostamente para criminalizar expresións ou opinións. Reflicte tamén as sancións realizadas a informadores baixo a Lei de Protección da Seguranza Cidadá e salienta que “España non dispón dun marco xurídico xeral que estableza protección e garantías para todos aqueles que exercen actividades xornalísticas". Finalmente, propón a derogación dos artigos 205, 206, 492 a 494, 496, 504 e 556, 543, 524 e 525 do Código Penal e dos artigos 36.23 e 37.4 da Lei de Seguranza Cidadá, ademais da modificación do artigo 510 do Código Penal.
O Examen Periódico Universal é un proceso que examina cada catro anos a situación dos dereitos humanos de todos os estados membros das Nacións Unidas. O relatorio final recolle recomendacións aos gobernos, aínda que non son de obrigado cumprimento. Este mes de xullo remata o prazo para presentar informes; datos ou información sobre España ao Alto Comisionado de Dereitos Humanos, que serán discutidas na 35ª xuntanza do grupo de traballo do consello de dereitos humanos, que terá lugar en decembro.
CPXG