Kiko Novoa: "Pensei que a radio debía servir máis para escoitar que para falar"
Durante cinco meses, de marzo a xullo de 2020, Kiko Novoa deulle os bos días á audiencia da Radio Galega desde a súa casa. O coronavirus obrigou a cambiar radicalmente as rutinas de traballo no Galicia por diante, o magacín matinal da radio pública, que Novoa dirixe e conduce por duodécima temporada. Durante os meses máis duros da pandemia a radio foi fonte de información e tamén a compaña coa que suplir a proximidade física prohibida. Un tempo insólito no que tamén os locutores choraron.
–Hai pouco máis de un ano da declaración do estado de alarma. Como recordas o shock de marzo de 2020?
Naqueles días previos sabiamos que algo ía cambiar, pero non o que viría despois ou que iamos ter que facer o programa desde a casa durante tanto tempo... Foi dun día para outro, nin me deu tempo a asimilalo e os primeiros días resultou moi difícil. Mira que eu creo que xestiono bastante ben o estrés, intento non poñerme nervioso en momentos de tensión, pero acababa o programa coa cabeza como un bombo. Non polo programa en si, nin sequera pola temática, que tampouco axudaba, senón pola mecánica. Tiñamos que comunicarnos a golpe de whatsapp, case por telepatía.
–Non tiñas contacto visual co técnico de control, que estaba no estudio de San Marcos.
E os outros compañeiros estaban tamén nas súas casas ou na rúa, sen saber moi ben qué se podía facer. Ademais tiñamos diante un acontecemento que non sabiamos como traballar. Non podes saír a facer un programa dicindo que chegou a apocalipse, aínda que era a sensación que tiñamos todos. O círculo cada vez se achegaba máis, a xente que morría xa non estaba na China ou en Italia. Empezaron os casos en Madrid, despois na Coruña, foi unha situación realmente angustiosa. Había que buscar voces que nos contasen de forma rigorosa o que estaba pasando e falar con xente que estaba pasando a enfermidade. Tiñamos conferencias de prensa todos os días informándonos de datos que eran sobrecolledores, das persoas que estaban morrendo. Intentaba non determe moito no que estaba vivindo, non sei se inconscientemente. Tiras para adiante e contas as cousas do xeito máis natural posible porque, se non, pode chegar un momento no que os acontecementos te paralicen.
–Catro horas e media de radio en directo cos teus fillos na casa. Como resultaba?
Pois mira, ás veces entraban, saían, escoitábase berrar a un... pero a xente agradecía que non lle mentises. Nós non estabamos nun estudio, estabamos nas nosas casas. De feito, eu sempre comezaba dicindo: Saúdos dende os estudios centrais da miña casa, saudamos a Cristina García, que está nos estudios centrais da súa casa... Que a xente soubese que iso que estabamos vivindo non era normal nin para quen nos escoitaba nin para nós. Nese momento tamén pensei que igual a radio debería utilizarse máis para escoitar que para falar, que quizais estabamos saturando con tanta información, con tantos científicos e médicos. Pensamos que se cadra a xente o que quería era expresar o que estaba vivindo, que estaban metidos na casa sen poder saír e sen saber cando poderían facelo, que tiñan nenos, familiares maiores... E decidimos ampliar o tempo de participación e poñer a voz máis na xente que nos escoitaba que en contar nós o que pasaba.
–É o bo dun formato como o magacín. Máis alá dos frialdade dos datos e das noticias do día, podedes dedicarlle tempo a contar as historias das persoas.
Non só a contalas senón a escoitar como as contan os propios entrevistados, e ás veces iso é o que máis che impacta. Os matices, a forma de explicalo, eses silencios cando fas unha pregunta. Moitos deles chamábannos para contar o que viviran. Houbo sanitarios que chamaron despois do Nadal para pedir que se transmitise a crueza da situación, para advertir de que os hospitais podían acabar colapsados. As experiencias e as voces de profesionais e de xente que pasou polas UCI foron incribles... Ademais íase mesturando a obriga profesional coa necesidade persoal de saber que estaba pasando, como nos podía afectar. Houbo un día no que me emocionei. Debeu de ser cando levabamos dous meses de pandemia, co bando dun concello no que o alcalde lles dicía aos nenos que estivesen tranquilos. Superoume, chorei en directo. Debeu de ser a primeira vez que fun incapaz de tranquilizarme, de mirar só para o que estaba facendo e non deixar que me superasen as circunstancias, pero era tan tremendo o que estabamos vivindo...
–Se cadra unha situación tan excepcional requiría compartir as emocións cos oíntes.
É que empezaramos contando que había xente ingresada nos hospitais, logo soubemos que esas persoas estaban sufrindo, entubadas, despois chegaron as mortes. Persoas que entraban nun hospital nun estado delicado pero que non imaxinaban que xa non ían saír del con vida. E o peor de todo, xente que morría sen poder despedirse.
"Pensamos que todo o mundo sabe o que é unha PCR e falamos delas como se fósemos médicos. Moitas veces a xente non sabe, recibe tanta información que necesitan que se explique unha e outra vez o que está pasando"
–Coa perspectiva deste ano, que función cres que teñen os medios nunha situación así? Cal pensastes que debía ser a vosa contribución desde o programa?
A Radio Galega ten un condicionante especial que é o servizo público. Contar o que pasa, non poñerlle de máis nin de menos, intentar poñerlles o micrófono ás persoas que peor o están pasando. Desde un rapaz con síndrome de Down que lle pedía a Feijóo unha vacina a artistas que tiveron que deixar o seu traballo nas orquestras para dedicarse a outras cousas. Esa xente necesita o micrófono, porque é a maneira de evidenciar a situación anómala que estamos pasando. Creo que os medios de comunicación, especialmente os públicos, teñen incluso que ser reiterativos na información. Pensamos que a xente o sabe todo e non é certo. Estamos convencidos de que todo o mundo sabe o que é unha PCR e falamos delas como se todos fósemos médicos. Moitas veces a xente non sabe, recibe tanta información que necesita volver a escoitar, que se explique unha e outra vez o que está pasando. Así que, sobre todo nos medios públicos, reiteración, naturalidade e rigor. O que non permito tampouco, nin a un oínte nin a un científico, e xa me pasou algunha vez, é que alguén poña en cuestión a pandemia, porque isto tamén está pasando. Xente que incluso nos culpa aos medios de comunicación de participar nunha conspiración para metelos na casa. Temos que facer o esforzo de explicar que non é así, e de non poñerlle o micrófono a xente que está disposta a fundirnos a todos como sociedade.
–Agora temos o reto de explicar a complexidade do proceso de vacinación. A alarma que se xerou coa vacina de Astra Zeneca tivo que ver co tratamento mediático?
Non só nas vacinas, tamén á hora de poñer a máscara ou de gardar a distancia de seguridade. Dáme a sensación de que non comunicamos ben todo isto, porque se non, non se explican episodios que seguimos vendo. Si creo que era necesario desde o principio ver o que estaba pasando nas UCI, nos hospitais. Os fotógrafos fixeron un papel extraordinario, primeiro demandando poder entrar coas cámaras nos hospitais e despois mostrándoo, sempre con respecto á intimidade das persoas que están aí dentro. Os propios médicos dicían que había que facer tours polos hospitais para que a xente que non quería poñer a máscara pensase se era mellor iso ou a intubación. Tamén é certo que podes pasar da raia e acabar converténdoo nun festival de morbo, pero aos medios igual nos faltou iso, ser capaces de contar desde o principio a crúa realidade, aínda que tampouco fose só culpa nosa.
–Por iso decidistes emitir o Galicia por diante o 12 de marzo desde o CHUAC?
É unha proposta que fixeramos desde o programa á dirección para o aniversario da pandemia. Pensei que un hospital como o CHUAC, o primeiro no que se detectou un caso de COVID-19 en Galicia, podía ser o mellor sitio para facer unha radiografía deste ano, xustamente polo que che dicía, porque é necesario entrar nos lugares onde están pasando as cousas. Iso si, hai que ser delicado, porque vas a un sitio no que a xente non está para contar historias, senón para salvar vidas. Interesábanos non só falar con sanitarios, tamén con cociñeiros, limpadoras, celadores, ata o que vendía o cupón da ONCE, que nos deron unhas entrevistas marabillosas. Sorprendeume a colaboración total dos médicos, entenderon que ese día non se trataba tanto de facer ciencia como de compartir experiencias e sensacións. En principio pensaramos en facer unha hora e media ou dúas, e ao final fixemos as catro horas e media de programa. Isto dános pé para seguir facendo cousas así, para volver sacar a radio fóra dos estudios, que tamén é unha forma de volver a esa vella normalidade.
"Estamos sendo moi inxustos coa xente á que lle pasan cousas graves que non teñen que ver co coronavirus"
–Entre tanta información sobre a covid, que está quedando sen contar?
Penso que se nos están escapando as cousas importantes de antes da pandemia. Hai dous días entrevistei unha rapaza que está esperando un transplante de corazón por unha enfermidade xenética da que xa faleceu seu pai. E ten só 26 anos. Este tipo de cousas hai que contalas, aínda que non teñan nada que ver co coronavirus. Estamos sendo moi inxustos coa xente que tamén ten historias que contar sen relación coa pandemia. Estou seguro de que durante este ano pasaron cousas graves, no sanitario, no empresarial, dramas de xente que perdeu o seu traballo, ertes inxustos... Historias que non contamos ou non contamos con toda a profundidade que merecían porque o coronavirus nos atropelou a todos. Posiblemente a longo prazo, cando analicemos todo o que pasou neste ano, vexamos cousas graves que non tiveron o foco informativo necesario.
–Como cambiará a radio despois do coronavirus?
Aínda estamos lonxe da normalidade. Eu entro no estudio en canto chego á radio, sobre as 6 da mañá, e non saio del ata que acaba o programa, ás dúas da tarde. Teño un contacto mínimo cos compañeiros, os colaboradores non veñen ao estudio, todas as entrevistas son telefónicas... Supoño que dentro dun tempo xa non será así, pero si normalizaremos as comunicacións e as entrevistas a distancia, entre outras cousas porque despois do coronavirus teremos aínda que quitar o medo. Penso que iso vai levar tempo, polo menos na miña xeración. Si me gustaría empezar a facer programas para analizar como vai ser o noso mundo a partir de agora desde todos os puntos de vista: a ciencia, a pedagoxía, o humor... Como van ser os nenos? Como van ser as nosas relacións? Como imos namorar coa máscara posta? Como será o traballo? Volveremos facer festas? Este tipo de cousas que serven para poñer os piares do que pode ser a sociedade despois disto. Poñer o freo e pensar como cambiamos neste ano e como cambiou a nosa vida.
BELÉN REGUEIRA