La Primera e La 2 recortan os tempos de emisión en galego

Radio Televisión Española (RTVE) prevé reducir desde este mes as horas de emisión nas linguas cooficiais nos centros territoriais de Galicia, Catalunya, País Vasco, Comunidade Valenciana e Baleares, segundo informaron fontes do ente público e de ditas delegacións nas comunidades autónomas.
O director dos centros territoriais de RTVE, Manuel Lombao, explicou que a medida obedece á reestruturación na que está inmerso o ente, o que inclúe unha diminución do cadro de 4.150 traballadores.

Non obstante, a baixada das horas de emisión en catalán, vasco, galego e valenciano non será nova para todas as autonomías, tendo en conta que nalgúns dos centros territoriais antes mencionados, como no de Euscadi, a medida está en práctica desde finais do pasado verán.

Cae o telexornal da tarde

Segundo precisou Lombao, o único espazo da programación de cada unha destas delegacións que seguirá emitíndose na correspondente lingua cooficial será o informativo territorial das 14.00 horas, que dura 30 minutos en La Primera de TVE, tanto en Catalunya e Euscadi como en Galicia, Comunidade Valenciana e Baleares. A conservación deste espazo informativo, con todo, significa unha redución doutros 30 minutos da emisión en lingua cooficial en ditas comunidades, xa que antes ó informativo das 14.00 horas había que sumar outro informativo, o das 20.00 horas.

Porén, desde o pasado 1 de xaneiro, suprimiuse (antes nalgunhas comunidades autónomas), ese último espazo informativo.

Así mesmo, a presenza das linguas cooficiais non é homoxénea nos informativos das comunidades citadas. Lombao explicou que no caso do informativo territorial do País Vasco, só aparece o vasco no resumo final do espazo, o que supón unha duración de non máis dun minuto, engadiron fontes deste centro rexional.

Ademais, na Comunidade Valenciana, o informativo territorial das 14.00 horas conta con aproximadamente 15 minutos de emisión na respectiva lingua cooficial, o cal non responde a unha instrución, senón a criterios "aleatorios", afirmou Lombao.

En Galicia e en Baleares, segundo comentaron as fontes, TVE emitía o informativo de primeira hora da tarde en galego e en catalán.

TVE Catalunya constitúe un caso á parte en canto que o servizo nesta lingua ocupa todos os días unha franxa horaria na programación de La 2, ó que hai que sumar o informativo das 14.00 horas en La Primera, realizado integramente en catalán.

O proxecto de saneamento de RTVE implica a posibilidade de interromper definitivamente as emisións na segunda canle de TVE en Catalunya.

A medida suscitou reaccións políticas de diversa índole, ata o punto de que o presidente da Generalitat, José Montilla, remitiu fai uns días unha carta á vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, na que solicitaba a permanencia das emisións en catalán.

A resposta da vicepresidenta avogou por prorrogar a desconexión en catalán da programación de TVE polo menos tres meses, período durante o que o Goberno central e a Generalitat se reunirán en busca de solucións.

Ademais, unha das emisoras de radio do ente público en Catalunya, Ràdio 4, que emite en catalán toda a súa programación, tampouco pecharía o 1 de xaneiro de 2007, algo que si prevía o Proxecto de Saneamento de RTVE. Igual que sucede coa programación televisiva do ente en Catalunya, haberá un período de negociación de tres meses para decidir a continuidade de dita emisora.

Manuel Lombao recalcou que aínda é pronto para dilucidar se a redución prevista das horas de emisión en linguas cooficiais será unha decisión estable ou cambiará a medio ou longo prazo, unha vez culminado o Proxecto de Saneamento do ente.

A Generalitat xa pediu explicacións

O Goberno catalán remitiu unha carta á vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, para solicitar a permanencia das emisións en catalán. De momento, conseguiron unha prórroga.

MADRID
EL CORREO GALLEGO / EFE