Lánzase Feiradoc.gal, un documental web que aborda o papel da feira en Galicia

Fotograma do documental "Feira"

Estréase na rede ‘Feira’ (feiradoc.gal), un documental interactivo sobre a feira na Galicia contemporánea desenvolvido ao abeiro da II Bolsa Nacho Mirás para novos titulados, convocada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e ABANCA. O proxecto diríxeno Laura Santos e Jorge Vázquez e reúne testemuños de feirantes nas catro provincias galegas, para construír unha visión ampla do que supón o mercado tradicional nas nosas vilas.

O documental, producido entre xullo e febreiro, arranca cunha secuencia de planos breves e descritivos do que un pode atopar na feira –o gando, o polbo e a variedade de produtos habitual–. O formato interactivo permítelle ao usuario decidir por onde quere seguir o seu camiño virtual polas feiras do país. Os protagonistas do relato son os feirantes, que grazas ás súas distintas idades e procedencias reflexan unha vez máis a diversidade propia do evento.

A feira non está habitualmente na axenda informativa e porén é un elemento central da sociedade galega, especialmente no rural. Como sinalan os feirantes, lonxe quedan as feiras ateigadas de xente e os grandes mercados de gando. Hoxe en día as naves presentan pouca oferta e máis xente paseando que disposta a mercar. Os hábitos dos consumidores mudan e a competencia do comercio electrónico tamén se deixa sentir.

Fronte a unha certa decadencia, moitos demostran optimismo e alegría para seguir vivindo da feira. Coinciden novos labregos emprendedores con avoas experimentadas que axudan os netos. Hai quen innova coa tecnoloxía na explotación e quen non perde ollo á evolución dos prezos. No referente á tipoloxía, coinciden no tempo grandes feiras como a de Santos en Monterroso e as San Lucas de Mondoñedo con outras recuperadas en pequenas localidades como Reigosa. O valor que ten a feira queda frecuentemente oculto no considerado cotián.

No proceso de produción participa un equipo de seis persoas, formado principalmente por comunicadores audiovisuais, e tamén colaboradores que aportaron a súa visión desde outras disciplinas. A xornalista Lidia Bao ilustra cos seus versos unha das pezas introdutorias do documental e reflicte no poema as lembranzas e os detalles asociados á feira. Por outra banda, Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega, elabora unha reflexión con visión histórica e social: "Preguntar que fica aínda da idea da feira tradicional en Galicia é, en boa medida, como indagar sobre o que persiste da alma da Cultura Galega callada nos últimos dous mil anos". 'Feira' contou tamén co apoio do Arquivo co CGAI, que cedeu imaxes dos anos vinte.

Os directores do proxecto, Laura Santos e Jorge Vázquez, destacan o feito de facer memoria dixital e deixar pegada preservando relatos que antes ou despois desaparecerán: "É un xeito de seguir formándonos, de experimentar cos formatos e de darlle visibilidade a un fenómeno de moito peso na nosa sociedade". Ambos os dous teñen traballado en proxectos dixitais, son titulados en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña. Laura Santos cursa o Máster en Direccción de Arte Publicitaria, Jorge Vázquez é Máster en Comunicación e Industrias Creativas e investigador doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, onde estuda as narrativas de non ficción interactiva.

O documental interactivo ten presenza en Facebook (@feiradocumental) e Instagram (@feiradoc), onde os interesados poderán seguir as novidades do proxecto e enviar as súas visións en formato audiovisual para facer de 'Feira' unha obra colaborativa. O proxecto ten tamén unha canle de YouTube.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

CPXG