Lara Graña: "Estou moi animada para seguir traballando por Mari Carmen"

  • De esquerda a dereita, Belén Regueira, Ángel Paniagua, Lara Graña, José Luis Fernández Astray e María Eimil
  • Regueira, Paniagua, Graña, Fernández Astray e Eimil no acto de entrega do V Premio Somos Esenciais
  • A decana do CPXG, Belén Regueira, e o director de Comunicación de Gadisa Retail, José Luis Fernández Astray, fan entrega do premio a Lara Graña
  • Ángel Paniagua recolle a mención como finalista do V Premio Somos Esenciais da man de Regueira e Fernández Astray

Lara Graña, gañadora do V Premio de Xornalismo Somos Esenciais organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, e Ángel Paniagua, finalista, recolleron esta mañá os seus galardóns na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago, nun acto que se converteu nunha reivindicación da posibilidade da profesión para cambiar a sociedade. 

A sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago de Compostela acolleu esta mañá o acto de entrega do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado baixo o lema A información ao servizo da xente polo Colexio, coa colaboración de Gadis, para recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. Lara Graña foi a gañadora desta quinta edición pola reportaxe «"García del Cid", el buque de luto y cólera», mentres que Ángel Paniagua recibiu unha mención como finalista polo traballo «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"». No acto participaron tamén a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, José Luis Fernández Astray, director de Comunicación de Gadisa Retail, e María Eimil Méndez, representante de Comunicación de Gadisa. 

A decana do Colexio de Xornalistas abriu o acto lembrando que o certame quere pór de manifesto o carácter esencial do periodismo e "dar visibilidade a tantos bos traballos xornalísticos que se publican nos medios galegos". Regueira anunciou tamén que nesta quinta edición, o premio "vai ter como complemento unha xornada que faremos no outono na cidade de Vigo". Fernández Astray, no nome de Gadis, agradeceu ao Colexio a organización do premio e trasladou o seu recoñecemento á gañadora porque "non é doado atopar unha reportaxe tan ben documentada" e ao finalista polo "importante traballo á hora de denunciar" a realidade do suicidio.

Lara Graña quixo dar as grazas á organización do certame por unha iniciativa "que referenda a boa calidade xornalística que hai en Galicia" e asegurou que o premio era moi importante para ela porque lle permite continuar a mostrar que "hai demasiados puntos negros na administración" na desaparición de María del Carmen Fernández Vázquez e tamén porque ao longo da investigación se viu "acompañada por moita xente que non coñecía" e que co cancelo #MeTooCSIC "conseguimos denunciar os moitos casos de machismo que hai nesta institución": Por todo iso, asegurou, "estou moi animada para seguir traballando por Mari Carmen".

Ángel Paniagua, pola súa banda, manifestou a súa confianza en que "sexamos capaces de transmitir a sociedade que non só somos esenciais, senón tamén necesarios": O finalista reflexionou sobre a maneira de enfocar nos medios o suicidio, unha "realidade difícil", que "non só nos turba, senón que nos interpela". "Segundo tratamos o suicidio, estamos aprendendo a facelo e construíndo estándares e ferramentas xornalísticas", asegurou. 

O xurado do quinto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Alexandra Kuntz Peiteado e Fátima Carmena Mayorga, Alba Chao Vázquez, Lara Dopazo Ruibal, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.

Premio de Xornalismo Somos Esenciais

O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. 

Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal. O ano pasado,  Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi recoñecida como gañadora pola reportaxe «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista co traballo «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes

CPXG