López Aguilar cancela un acto en Riad por prohibir a entrada a mulleres xornalistas

O ministro de Xustiza, Juan Fernando López Aguilar, suspendeu unha conferencia que tiña previsto impartir na Universidade islámica Imam de Riad porque as autoridades desta universidade non autorizaron a entrada ás catro mulleres xornalistas que seguen a súa visita oficial a Arabia Saudí.
Dúas das reporteiras son a enviada de RNE e a da Ser, segundo contaron ambas as dúas nas súas respectivas cadeas de radio.

As autoridades universitarias alegaron que se trata dun centro exclusivamente masculino e que non consideraban adecuada a presenza de mulleres, xa que non existen precedentes de iso.

A actitude dos responsables desta universidade islamista contrasta coa mantida polas autoridades do país durante a visita do ministro e a delegación española que foi adecuada en todo momento e cun exquisito respecto para a profesión xornalística exercida neste caso por mulleres.

As catro mulleres xornalistas que acompañan á delegación española asistiron a todos os actos previstos e, mesmo, puideron presenciar a reunión bilateral que mantiveron o domingo López Aguilar e o ministro de Asuntos Relixiosos, Saleh Mohammed Al Sheik.

A pesar dos intentos do ministro saudí de Xustiza, Abdullah Al Sheik, que se empregou "a fondo", segundo fontes do departamento de Xustiza español, para resolver a situación, a conferencia tivo que suspenderse xa que a delegación española debía partir para Dresde (Alemaña), onde o ministro participará na reunión do Consello de Ministros de Xustiza e Interior da Unión Europea.

Fontes do Ministerio de Xustiza consideraron inasumible que teña lugar un acto en que se produza unha discriminación á muller e destacaron que as obxeccións das autoridades da Universidade Imam foron comunicadas onte á noite, momento no que se iniciaron as xestións de representantes do departamento saudí de Xustiza.

A conferencia, na que López Aguilar prevía falar sobre os retos que supoñen para Europa o terrorismo internacional, o crime trasnacional e a inmigración ilegal, era o último acto do ministro en Riad.

O texto da conferencia, no que se defendía o consenso entre nacións como fórmula para frear o terrorismo internacional, foi entregado polo ministro español á Universidade para que se distribuíse entre os interesados a asistir á conferencia.

RIAD
EL MUNDO / EFE