Luís Pardo: "Que todo o mundo improvisa desde marzo é unha realidade"

Desde que aos 16 anos lle deixaran un micrófono na emisora municipal do seu concello, Radio Culleredo, Luís Pardo (1975) xa non volveu soltalo. Hoxe dirixe e presenta o magazine local Hoy por Hoy Santiago, en Radio Galicia-Cadena SER, e forma parte do comité de redacción da revista Luzes. Na web en aberto desa publicación –luzes.gal– e na edición galega de Eldiario.es, Pardo afía a súa pluma cada semana para tratar a actualidade galega. Con el falamos de excesos de Nadal e fatiga colectiva ante as restricións, da necesidade de medidas máis contundentes ou do papel do xornalismo na situación de incerteza e crise que estamos a vivir.

–Foi na SER onde Feijóo botou a palabra atrás asegurando, despois de pedir salvalo, que tería sido mellor non celebrar o Nadal. Tómannos o pelo quen nos goberna ou é que non saben como abordar a pandemia e van improvisando? 

Non creo que Feijóo nos tome máis o pelo durante a pandemia do que o viña facendo antes. O presidente da Xunta leva anos demostrando ser único dicindo unha cousa e a contraria sen ningún tipo de pudor –seguramente, porque nunca lle pasou factura; tampouco desta vez–, e falando das cousas que acontecen como se fose un simple espectador sen ningunha responsabilidade. Nada do que pasou é culpa súa: sería de Pedro Sánchez, dos alcaldes ou dos cidadáns, pero non del. Dito isto, que todo o mundo improvisa dende marzo é unha realidade.

–Dicía María Piñeiro, a primeira das entrevistadas nesta quenda, que como xornalistas non podemos permitirnos que as persoas que nos len –escoitan tamén, no teu caso– se aburran da pandemia. Percibes que isto está a pasar? 

Se nos aburrimos nós non se van aburrir eles! Durante o confinamento, nós tratamos de que non sentiran fastío coas noticias relativas á pandemia. Sen baixar o pistón informativo, fixemos todo o posible por facerlles o peche máis soportable, ata recuperamos o clásico das cancións dedicadas! Houbo moita xente que me dixo que o conseguiramos, que fomos de moita axuda durante os momentos máis duros, e iso foi toda unha satisfacción, porque non creas que eu estaba totalmente seguro de que estivésemos facendo o correcto. Por momentos, nin sequera tiña claro que fósemos un servizo realmente esencial.

–Lía hai pouco que a fatiga colectiva é máis difícil de xestionar que a individual. Cres que este cansazo xeneralizado está a derivar nunha relaxación nas medidas anti-Covid? 

O outro día, un tipo tan tradicionalmente alegre e divertido como o alcalde de Santiago, dicía notar un cansazo enorme nunha capa ampla da sociedade, que está quedando sen forzas. O seu símil era bo: “dixéronnos que tiñamos por diante unha carreira de 200 metros e resultou ser unha maratón”. Eu creo que non é a fatiga, senón a confianza a que fai que nos relaxemos: relaxámonos na casa, coa familia, cos amigos máis próximos... mesmo no traballo. Entre outras cousas, porque á gran maioría non nos pasou nada (aínda).

"Houbo xente que me dixo que foramos de moita axuda nos momentos duros"

 

–Fan falla máis fotos de mortos, ou isto tamén se esquece? 

Fan falla outro tipo de mortos. Estamos inmunizados como sociedade ante o sufrimento dos nosos maiores. Levabamos tempo aparcándoos en sitios onde non os tivésemos á vista, porque ollos que non ven... Como respondía Susanita cando Mafalda dicía que había que dar teito, traballo e benestar aos pobres: “Para que tanto? Bastaría con escondelos”. Pois iso fixemos cos nosos vellos. O meu compañeiro Xaime López –que ten á súa nai en Domus VI en Santiago, o centro do desastre durante a primeira vaga– adoitaba preguntarse sempre o mesmo: “soportariamos unha pandemia que se cobrase unha ducia diaria de mortos se fosen xente nova...?”.

–Pero iso tamén está a suceder, o virus deixa secuelas e tamén mata xente nova. Disto fálase na medida necesaria?

Non, permanecen nesa mesma zona de sombra que comentabamos antes. Só moi de cando en vez falamos das secuelas que sofre a xente que sobrevive ao bicho. Logo, claro, impresiónanos ver o delgado que estaba algún dos xogadores do Obradoiro cando o equipo volveu adestrar tras sufrir un gromo. E falamos de tíos novos, deportistas de elite, que parecen case invulnerables. Que nos fará a calquera dos que levamos unha vida máis ou menos sedentaria..? Estes días morreu un veciño de Arteixo, Moncho García, de 46 anos, quen non presentaba as patoloxías previas que se lles atribúen a case todos os finados. Aí si que notei unha certa psicose na miña contorna...

–Precisamos que as medidas sexan máis contundentes? Nunha columna túa, publicada en Luzes coincidindo coa segunda vaga, pedías confinamento e non o houbo. Pensas que é a razón de que esteamos onde estamos?

Non o digo eu, que disto sei ben pouco: están a dicilo colexios de médicos por todas partes, que piden un confinamento duro duns quince días como mínimo, para cortar un ciclo de contaxios e ver se baixa a famosa curva. Máis aló dese berro, o artigo facía mofa desas medidas ridículas, deses plans sen fisuras que tomaban os nosos gobernantes –nomeadamente, a Xunta–, para tratar de gañar tempo correndo cara a ningunha parte. Se a economía é de verdade a escusa, un peche total e unha inxección de cartos públicos aos damnificados serían as mellores solucións, e non obrigarnos a vivir nesta agonía na que non sabemos que vai pasar mañá. Ante cada vaivén político, os neoliberais de quenda sempre dixeron que o mercado necesita, por riba de todo, seguridade xurídica. Pois que se apliquen o conto.

"A nosa esfera mediática resistiu bastante mellor que outras a infodemia do demo"

 

–E no que respecta á profesión, como cres que se está a abordar a pandemia en Galicia? Aprecias aquí moita penetración da infodemia declarada pola OMS? 

Máis aló de comportamentos puntuais inexplicables –como abrir oco nas tardes da TVG ás teses dos negacionistas–, teño a sensación de que a nosa esfera mediática, tan impermeable tradicionalmente para calquera cousa que non pase os filtros oficiais, resistiu bastante mellor que outras a infodemia do demo. Aquí xa sabemos que hai dúas normas para informar. A primeira, a Xunta sempre o fai todo ben e segundo, se non o fai, aplícase a norma número un. Para todo o demais, xa temos o desastre do goberno socialcomunista. Nin cambiar de conselleiros en Sanidade e Educación no medio dunha pandemia, ou varrer toda a segunda liña de Política Social, son vistos como unha crise ou unha emenda á actuación anterior. Aquí todo vai sempre ben. Ou, polo menos, mellor que nos sitios onde están peor.

–Ti traballas fundamentalmente no eido local, esa proximidade á cidadanía en que se traduce á hora de informar sobre a Covid-19? Como é a cobertura? Que particularidades ten, á parte dos datos específicos de cada concello? 

O particular do local é que os oíntes poñen nome e cara a esa persoa coa que estás a falar ou da que estás a contar algo. E iso, nun momento como este, penso que aínda ten un maior valor. Cando falas dos problemas das enfermeiras, falas de alguén que pode vivir no teu portal; cando contas o que acontece nunha residencia resulta que o teu compañeiro de mesa é familiar dunha interna; cando destacas o papel clave das repoñedoras do súper son as dese súper onde ti fas a compra; ese cribado que se fai no instituto non é nun instituto calquera, é no instituto onde estudan os fillos de quen escoita... isto, nun lugar como Compostela, onde practicamente todo o mundo se coñece, serviu para tecer rede nos momentos máis complicados.

–En Santiago contamos cunha universidade con estupendos investigadores. Imaxino que isto facilita informar sobre a pandemia, fontes expertas que saben do que falan. 

Si, a verdade é que case podiamos contar cunha sección diaria sobre novidades científicas relacionadas coa Covid, dende os puntos de vista máis variados: hai dous equipos que traballan para atopar vacinas, hainos que desenvolven modelos de predición, os que estudan a xenealoxía do virus, os que analizan a súa presenza nas augas residuais ou os que debullan Twitter para ver que relación hai entre a polarización das opinións en redes sociais e a expansión da pandemia... Temos tanta ciencia de verdade que, aínda que quixésemos, non nos collerían magufadas!

"Neste momento, poñer cara e nome á persoa coa que falas ten máis valor"

 

–Que opinas de que a estas alturas da película se estea a reclamar que se destine un 2% dos orzamentos á ciencia? 

Que é normal. O concepto de universidade que teñen os nosos gobernantes é o que permitiu a Casado licenciarse nuns meses e a Cifuentes sacar un máster sen pisar o campus. Para eles, investigación é, basicamente, o que fai Villarejo. Somos o país do «que inventen eles», o que gasta unha burrada en formar científicos que logo teñen que emigrar, ou que os ten con contratos precarios ata a cincuentena... Iso si, logo, para a foto, os primeiriños. Mesmo tapando os das batas brancas se fai falla.

–Sairá o xornalismo reforzado desta pandemia? Cal é o teu prognóstico?

Sairá cambiado, seguro que moito máis modernizado no tecnolóxico, obrigaranos a dar pasos –que, coma sempre, os nosos pagadores estaban agardando a que non se puidesen retrasar máis–, pero non necesariamente mellor. Temo que a peor parte será a laboral, nun gremio tradicionalmente precarizado e mal pagado. Seguro que, a estas alturas, as empresas xa se decataron de que poden encher o mesmo tempo ou espazo coa metade da xente –entre a que está doente, confinada ou teletraballando– e están a buscar fórmulas para aforrar neste campo: se todos os partidos mandan cadanseu corte de voz, que necesidade hai dun xornalista...? 

–Non pode saír nada bo de todo isto?

O único bo que se me ocorre é que isto axude a rematar cun hiperpresencialismo, tanto nos centros de traballo como nesas roldas de prensa ritualistas nas que un busto falante responde o mesmo a trinta preguntas distintas porque é a liña argumental que quere colocar. Por iso acababamos volvendo á redacción con ese mesmo corte de voz que agora nos mandan por whatsapp. Xa que evitamos isto, sería xenial poder dedicar ese tempo perdido a facer auténtico traballo xornalístico, pero iso resultaría moito máis caro. E incómodo.

VALERIA PEREIRAS