‘Xornalismo na Escola’ chega á comarca de Ferrolterra a través de seis obradoiros en institutos de Ferrol, Pontedeume e Mugardos
A comarca de Ferrolterra vai ser a protagonista a vindeira semana da segunda edición de “Xornalismo na Escola”, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ coa que se pretende achegar os medios de comunicación aos máis novos. O IES Carballo Calero, o IES Fraga do Eume e o IES de Mugardos van ser os tres centros que desde o luns e ata o xoves reciban varias sesións deste programa que está dirixido a alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO.
Será o luns 24 de abril cando un total de 64 alumnos do IES Fraga do Eume, en Pontedeume, reciban da man da xornalista Águeda Penedo un achegamento á información que manexamos actualmente, coas súas vantaxes e os seus riscos. Os dous obradoiros constarán de 90 minutos cada un e nos que se agarda sacar o espírito crítico das novas xeracións a través de exemplos e dinámicas que os afasten de informacións interesadas ou falsas. Unha primeira sesión terá lugar de 10:30h a 12:00h para os 28 alumnos de 4º da ESO e, a continuación, outra dirixida aos 36 rapaces que cursan 3º.
O martes 25 e o mércores 26 vai ser a quenda para o IES Carballo Calero de Ferrol, ata onde se achegará a xornalista Elvira Álvarez con dous obradoiros. O martes ás 10:30h serán 17 alumnos de 3º da ESO os participantes e o mércores ás 13:30h os seus compañeiros do 4º curso.
Por último, o IES de Mugardos terá sesión dobre o xoves 27, de novo con Elvira Álvarez á fronte, con 55 alumnos repartidos entre o taller que se desenvolverá a primeira hora da mañá para 3º da ESO, ás 8:45h; e un segundo para os rapaces de 4º que comezará ás 10:45h.
Estes obradoiros forman parte dun total de 90 cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade ata finais do mes de maio. Nove xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional- son as persoas encargadas de levar a cabo os talleres que se están a celebrar en distintos concellos de Galicia.
O proxecto “Xornalismo na Escola”, que se pode seguir en Twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é froito dun acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘La Caixa’. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de 60 talleres de comunicación a case 40 puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta mesma iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares nos que se veñen celebrando obradoiros de semellantes características.
CPXG