‘Xornalismo na Escola’ chega a Santiago e comarca a través de cinco obradoiros diferentes

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Xelmírez I de Santiago

A comarca compostelá vai ser protagonista esta semana da segunda edición de “Xornalismo na Escola”, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ coa que se pretende achegar os medios de comunicación aos máis novos. O IES Eduardo Pondal, o IES Pontepedriña e o IES Cacheiras van ser os tres centros que o martes e o mércores reciban varias sesións deste programa que está dirixido a alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO.

O IES Cacheiras, en Teo, será o primeiro deles. O martes de 16:30h a 18:10h unha das clases de 3º da ESO recibirá á xornalista Águeda Penedo, que lles achegará á información que manexamos actualmente, coas súas vantaxes e os seus riscos. Pero o instituto de Cacheiras terá unha segunda sesión ao día seguinte, o mércores, con outro dos grupos de 3º curso, neste caso pola mañá de 12:45h a 14:25h.

Tamén o mércores vai ser a quenda para o IES Eduardo Pondal, en Santiago, ao que se achegará outra das xornalistas participantes neste proxecto, Susana Bastón. Alí vai ter lugar un obradoiro de 10:45h a 12:25h.

E sen deixar este mércores 26 porque outro instituto de Santiago, o IES Pontepedriña, recibirá ao xornalista Ángel Castro, que impartirá dous obradoiros durante a mañá. O primeiro está proxectado tamén para as 10:45h e a seguinte sesión será de 12:45h a 14:25h.

“Xornalismo na Escola” estará tamén próximamente no concello de A Estrada, pero a data aínda non está pechada. Así ata 90 obradoiros por diferentes institutos de Galicia nos que se agarda ata o 31 de maio sacar o espírito crítico das novas xeracións a través de exemplos e dinámicas que os afasten de informacións interesadas ou falsas.

O proxecto “Xornalismo na Escola”, que se pode seguir en Twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é froito dun acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘La Caixa’. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de 60 talleres de comunicación a case 40 puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘La Caixa’ está a levar esta mesma iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas; é o caso de Cataluña, Sevilla e Madrid, onde se veñen celebrando obradoiros de semellantes características.

CPXG