Maja Sever: "Temos que aprender a utilizar a Lei de Medios e obrigar os gobernos a cumprila"

  • Belén Regueira, Montse Montaos e Luis M. Lombardo na mesa redonda da xornada
  • De esquerda a dereita, Belén Regueira, Maja Sever e Marta Barcenilla
  • Maja Sever pecha a xornada 'Os medios públicos galegos no marco normativo europeo'

Expertos nos medios públicos do ámbito estatal e europeo reuníronse na tarde deste luns na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC na xornada Os medios públicos galegos no marco normativo europeo, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Agrupación de Xornalistas de Comisiones Obreras (CCOO). Renate Schroeder detallou o contido da Lei Europea de Liberdade de Medios, recentemente aprobada, e Maja Sever chamou á mobilización para garantir o seu cumprimento, mentres que os participantes na mesa analizaron as distintas situacións da CRTVG, Telemadrid, RTVE e a CCMA.

O acto abriuse coa intervención da directora e a presidenta da Federación Europea de Xornalistas, a alemá Renate Schroeder e a croata Maja Sever, respectivamente, que foron presentadas por Marta Barcenilla, responsábel da Agrupación de Xornalistas de CCOO e por Belén Regueira, decana do CPXG.

Renate Schroeder, que participou en representación das organizacións de xornalistas nas negociacións sobre a nova normativa, debullou os pormenores dunha lei "histórica, porque por primeira vez se aplica a todos os medios e non só aos audiovisuais", lembrando que se aproba nun momento de moitas ameazas para a información. Entre as principais puntos da lei, "que salvagarda a independencia dos medios", salientou algúns artigos referidos a independencia das direccións e consellos de administración, a necesidade dunha autoridade de control independente, a transparencia na propiedade e as medidas contra a concentración de medios, os requisitos para a publicidade gobernamental ou a protección das fontes. 

Pola súa banda, Sever asegurou que "por primeira vez temos unha lei forte", aínda que teña moitos puntos mellorábeis, e lembrou que "a Lei Europea de Liberdade de Medios é unha ferramenta, agora temos que aprendermos como utilizala e obrigar os gobernos a cumprila". A presidenta da Federación Europea de Xornalistas fixo unha reivindicación do espírito loitador e combativo "que debera formar parte da nosa obriga como xornalistas" e lembrou que "non existen paraísos nos servizos públicos de radiodifusión de ningún país", posto que todos eles estan suxeitos a presións e ameazas. 

A xornada completouse coa celebración dunha mesa redonda sobre o caso específico da Corporación Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) e outros medios públicos, onde participaron Luis M. Lombardo, responsábel de comunicación de CCOO Madrid e traballador de Telemadrid; Carolina Pecharromán, editora de igualdade dos servizos informativos da Radiotelevisión Española; Montse Montaos, integrante do Comité Intercentros da CRTVG; e Nil Via, xornalista de Catalunya Ràdio e membro do grupo de medios públicos do Col·legi de Periodistes de Catalunya.

No debate, os participantes analizaron as experiencias dos servizos públicos de radiodifusión de Galicia, Madrid, Cataluña e a radiotelevisión estatal, así como as principais medidas necesarias para asegurar a súa independencia, dentro do contexto aberto pola Lei Europea de Liberdade de Medios. Entre outros aspectos, Lombardo destacou que "é fundamental que se saiba quen está a levar o diñeiro", Pecharromán salientou a importancia do estatuto de redacción para regular os principios rectores e funcionar "como constitución dos consellos informativos" e Via fixo fincapé en que a desgobernamentalización segue a ser precisa mesmo cando no papel existen medidas que supostamente despolitizan os órganos de goberno. Todas elas medidas que, como asegurou Montaos, están aínda sen implementar na CRTVG ou se encontran en perigo co actual Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.

O acto, organizado polo CPXG e a Agrupación de Xornalistas de Comisiones Obreras, encádrase no actual debate sobre a aplicación da Lei Europea de Liberdade de Medios de Comunicación aos medios galegos e quere contribuír a dar a coñecer de maneira axeitada o que este regulamento significa para a radio e televisión de Galicia. O CPXG xa expresou a súa convicción de que o Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital presentado pola Xunta de Galicia incumpre as directrices da normativa europea.

CPXG