Manifesto da Rede de Colexios de Xornalistas polo Día Mundial da Liberdade de Prensa

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, con motivo da celebración hoxe 3 de maio do Día Mundial da Liberdade de Prensa, lembra que o exercicio profesional dos xornalistas é un servizo público e esencial. A actual crise provocada polo Covid-19 deixou patente o importante labor social que desenvolven os medios de comunicación e información, motivo polo cal a cidadanía debe valorar o traballo diario desempeñado polos xornalistas.

Ademais, a situación excepcional que estamos a vivir pon de relevo que a liberdade de prensa e o dereito á información son valores imprescindibles en calquera sociedade democrática. Por esta razón, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita calquera intento de censura previa aos medios de comunicación e información por parte das autoridades, xa que isto suporía un retroceso democrático con consecuencias nefastas.
 
Nas últimas semanas, os xornalistas demostraron o seu compromiso coa profesión e coa cidadanía, xa que, malia as dificultades que tiveron para exercer a súa función (teletraballo, ERTE, disminución de salarios, etc.), realizárono de xeito responsable. Neste sentido, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas quere lembrar aos cidadáns que para evitar a difusión de bulos e noticias falsas o aconsellábel é acudiren aos medios de comunicación e información.
 
Así mesmo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas destaca que a precariedade laboral tamén fai perigar a liberdade de prensa, porque favorece o medo dos xornalistas a perderen o emprego e fai máis difícil que poidan resistir ás presións. Neste sentido, é clave o papel que deben cumprir os editores e directores dos medios de comunicación e información aos que lles instamos a que defendan aos xornalistas ante calquera presión externa que poidan recibir.
 
Para rematar, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas insiste unha vez máis na urxencia de que os partidos políticos aborden a creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas, xa que este órgano íase converter nun elemento inmellorábel na defensa da liberdade de prensa e do dereito á información.
 
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas