Marta Otero gaña o VI Premio de Comunicación Científica “Contar a Ciencia-la Caixa“

Marta Otero Mayán, estudante de cuarto de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, é a gañadora da sexta edición do premio universitario de comunicación científica “Contar a Ciencia-la Caixa“, que convoca a Real Academia Galega de Ciencias e no que participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. 

A reportaxe premiada, Unha ‘app’ para coidar a quen coida, trata  un proxecto do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC para previr a depresión en coidadores de persoas dependentes. Neste caso concreto, exponse a relevancia da investigación na axuda a unha parella afectada polo Alzheimer dun deles. 

O xurado, composto por representantes do eido científico e da comunicación en Galicia, e no que participou o Colexio de Xornalistas, escolleu tamén como finalistas ás reportaxes Scuba Cancers, de Andrea Varela e Miriam Álvarez, e Como gañar o que che quita o Parkinson, de Alba Tomé Sueiro.

O acto de entrega dos galardóns terá lugar o luns 8 de xullo no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

CPXG