Marta Veiga Izaguirre: "É necesario que a covid comece a convivir con outras informacións que tamén son esenciais"
Asinou na revista Luzes unha serie de crónicas de carácter social sobre a covid apegadas á realidade galega, nun ano no que a tendencia era o xornalismo de datos e no que moitas veces foi máis sinxelo coñecer o que estaba a pasar en territorios a centos ou miles de kilómetros que no propio. Actualmente profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, Marta Veiga Izaguirre (Cantabria, 1978) tamén é investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia, cuxo portal de divulgación que preparadas unha serie de entradas sobre covid. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, fixo a súa carreira en medios como Diario de Pontevedra e El Progreso.
–Como lle parece que se cubriu informativamente a pandemia da covid?
A miña experiencia neste tema é fundamentalmente como lectora de prensa local. Consumín sobre todo información de medios de proximidade. Dende ese punto de vista, a miña percepción é que se fixo ben. Tamén é certo que a miña referencia principal foi El Progreso, que tiña como xornalista especializada en covid a María Piñeiro, que fixo un traballo boísimo. Quizais o que boto máis en falta, un ano despois, é que falamos moitísimo de complicacións sanitarias, de problemas de vacinas, de mutacións do virus, e igual estamos esquecendo a parte máis social: como unha pandemia deste tipo afonda nas diferenzas sociais, como as persoas con menos poder adquisitivo sufriron máis a pandemia e mesmo como nos influíu a configuración urbana que temos, que é moi hostil, con xente vivindo en pisos moi pequenos que se atopou cos espazos verdes comúns pechados. Todo isto debería facernos reflexionar sobre o deseño das cidades en Galicia. Temos algúns lugares cunha densidade de poboación tan alta como A Coruña e outros fóra do Eixo Atlántico, onde non existe esa densidade poboacional, configurados exactamente igual, o que non axudou nada a levar unha situación coma esta nin a controlar o esparexamento do virus.
–Concentrouse demasiado a atención nos datos en detrimento do xornalismo social e do xornalismo de rúa?
A análise dos números e facer un bo xornalismo de datos era imprescindible neste caso. O traballo que leva facendo Praza Pública dende o inicio da pandemia, neste sentido, é impresionante. E é súper importante facer boa información científica para axudar a divulgar o coñecemento entre a poboación: como funciona o método científico, como funciona unha vacina, como cando unha vacina chega á cidadanía está probaba e é segura, etc. Si que é verdade que quizais se descoidou un xornalismo máis social, pero non estou segura de se foi por falta de foco ou pola propia precariedade dos medios. Porque se non tes xornalistas suficientes para atender a todo, tes que priorizar. Aínda que a cuestión social sexa realmente moi importante. En saúde pública, o código postal é tan importante como o código xenético. No contexto dunha pandemia global é moi relevante. Probablemente nin houbo recursos suficientes nin moito tempo para pararse a reflexionar sobre todo isto. Para facer este tipo de reflexións a curto e medio prazo necesítase dunhas condicións que, no contexto do xornalismo galego actual, é complicado atopar.
"Si que é verdade que quizais se descoidou un xornalismo máis social, pero non estou segura de se foi por falta de foco ou pola propia precariedade dos medios. Porque se non tes xornalistas suficientes para atender a todo, tes que priorizar"
–Vostede si que se animou a facer unha serie de reportaxes de carácter social para Luzes. Por que?
Luzes ten unha periodicidade mensual e iso xa cambia moito as rutinas con respecto ao xornalismo diario. As desas reportaxes son ideas que saíron dos comités de redacción que celebramos. Eu escribín unha serie de pezas sobre a pandemia, algunhas teñen un nesgo máis persoal e outras menos. Na que era unha reportaxe no sentido estrito do termo tratei de ofrecer, por exemplo, un achegamento ao que son as residencias de maiores, a como están configurados eses coidados neste país.
–Granxas de persoas maiores, chamounas nesa peza.
Porque o son. Aí é onde metemos á nosa xente maior e máis vulnerable. Así, desa forma tan perversa, está configurada a nosa sociedade. As residencias foron un dos lugares máis terroríficos nesta pandemia. A propia concepción deses espazos con tantos usuarios, agrupados en sitios estancos, nunhas condicións tan particulares, favoreceu que se esparexese moitísimo o virus. Outras solucións que se aplican noutros lugares de Europa e mesmo de Galicia, como as casas comunitarias, con 10 ou 12 usuarios, reveláronse menos hostís. Tamén me quixen achegar ao que comentaba ao principio: a configuración do espazo público. Parece que chegamos a un punto no que parece que na rúa só podes estar facendo cousas como consumidor. Só entendemos a rúa como un espazo relacionado coa compra nas tendas, con tomar algo nunha terraza... E non debería ser así. A rúa debería ser un lugar no que convivir, atoparse e ter un sitio de lecer fóra do consumo. Por último, tamén quixen reflexionar sobre como durante moitos meses estivemos entusiasmadas con que unha crise destas características nos fixese volver os ollos ao rural e ao sector primario. Pero hai que ver en que condicións temos hoxe o medio rural para poder facer ese tipo de vida. Porque se as terras están a eucaliptos ou en condicións precarias, se a cuestión da conectividade está como está... Dixera o ministro de Universidades, Manuel Castells, nunha entrevista en SER Galicia que a fenda dixital era un mito, algo que non existía dende hai 20 anos. Nas provincias de Lugo e Ourense sabemos ben que non é un mito. Sabemos que hai nenos na montaña de Lugo que recibiron as clases de matemáticas por walkie-talkie porque hai unha asociación de radioaficionados na zona e un docente que se implicou moitísimo. Hoxe acordámonos de experiencias como a de Preescolar na Casa, que se deixou morrer por parte da Xunta de Galicia e que tería servido para levar a educación regulada e non regulada a eses domicilios con peor conectividade, peores dispositivos, cando os hai, ou mesmamente peor alfabetización dixital. Damos por feito moitas cousas que non se axustan á realidade.
–Esas reportaxes súas de Luzes estaban moi apegadas á realidade do territorio nun momento no que semellaba máis sinxelo saber que pasaba en Madrid ou en Washington a que había nenos que daban clase por walkie-talkie en Lugo. Faltou perspectiva galega?
Iso é algo que sucede independentemente da pandemia. Cando perdes información local perdes foco. E corres o risco de deitar sobre a túa propia realidade, sobre a túa propia xente, esa ollada estrañada que moitas veces temos sobre nós mesmos, esa ollada National Geographic que temos os informadores galegos de 'oh, fíxate que pasa aquí' cando é o que pasa ao lado da casa. Os medios locais que resisten están contando esas realidades. Por iso son tan importantes. Porque non podes comparar o que sucede nun distrito populoso de Madrid, que ten a poboación das cidades de Vigo, A Coruña e Santiago xuntas, co que pasa na montaña de Lugo. Son situacións completamente diferentes mesmo falando de persoas cun nivel económico semellante.
"Cando perdes información local perdes foco. E corres o risco de deitar sobre a túa propia realidade, sobre a túa propia xente, unha ollada National Geographic"
–Vostede explicouno poñendo as nevadas como exemplo: cando chegou Filomena a Madrid e a sobreinformación ao minuto dese temporal levaban semanas con neve nas montañas galegas.
Por iso che digo que é algo que sucede independentemente da pandemia e por iso reivindico a importancia dos medios locais. Oxalá nas empresas se decaten do fundamental que é destinar recursos e xornalistas a cubrir estes lugares e a súa xente, realidades que temos ao lado da casa. Outra cousa é como a pandemia tamén condicionou a posibilidade de desprazarse e como o traballo acabou facéndose todo por teléfono.
–A imposibilidade de cumprir con esa norma básica de 'ir, ver e contar'.
Claro. Nestas circunstancias as rutinas mudaron bastante. E, fíxate, penso que hai cousas que non o fixeron para mal. Baixo o meu punto de vista, coas roldas de prensa online tampouco se perdeu nada. Ou moi pouco. Pero o reporteirismo, o que eu chamo xornalismo de corredoiras, que non está nas axendas, historias que aparecen nos medios porque alguén pensou que tiñan que aparecer, porque convocatorias non hai para ir a eses sitios, ese si que se resentiu. Estaría ben que isto servira para promover unha reflexión colectiva sobre algo sobre o que se leva tempo falando: saír das axendas oficiais e contar historias dende o punto de vista da xente que non convoca aos medios. Porque desa xente non vai falar The Washington Post. Ou ao mellor si! E veñen e nos pintan a cara.
"En Galicia traballar nos medios privados en precario vulnerabiliza, pero traballar como freelance é practicamente un voluntariado"
–Repetiuse case como un mantra que desta situación sairiamos mellores como sociedade. E os xornalistas? Tamén sairemos mellores?
Véxoo complicado. Aínda que eu tamén pasei por esa etapa esperanzadora. Non é que os xornalistas non saiamos coas mellores intencións, pero os que nos contratan quizais non tanto, ben porque pensan que non lles vai ser rendible economicamente ben polo que sexa. En Galicia, no contexto do estado, traballar nos medios privados en precario vulnerabiliza, pero traballar como freelance é practicamente un voluntariado. E o que está claro é que o traballo non pode ser de balde. Así que todo vai depender das decisións que tomen as empresas.
–Un ano despois, os xornalistas enfrontan o cansanzo da cidadanía e o seu propio cansanzo ante a pandemia. Facerlle fronte é o principal reto da actualidade á hora de informar sobre o coronavirus?
Si, está claro. Eu lembro, cando cheguei ao Diario de Pontevedra en 2001, á miña compañeira María Núñez informando mes tras mes sobre a folga da Unión ou o peche de Tafisa. Foron temas que se alongaron moitísimo no tempo e alí estaba ela cada semana. Hoxe póñome na pel dalgún compañeiro que leva un ano analizando datos da covid, día tras día, e é sinxelo entender que estea canso. É certo que un acaba especializándose moitísimo, pero tamén é certo que hai que facer fronte ao fastío que supón non saír dun tema, cando precisamente unha das partes máis bonitas do xornalismo e que máis motivan é a posibilidade que che dá de contar historias diferentes. Pero é fundamental seguir adiante, entre outras cousas, por iso que falabamos antes de difundir tamén información científica. Porque está claro que seguimos tendo aí unha eiva. Vémolo nos comentarios de calquera noticia de calquera xornal que fale dunha vacina. Non está chegando ben a mensaxe e segue impoñéndose o ruído. Ao mesmo tempo, é fundamental que todos nos deamos conta de que hai moitísimos temas dos que estamos deixando de falar por centrarnos neste e que temos que ir recuperando a normalidade informativa. Hai dez anos entrou en erupción un volcán en Islandia e non se falaba doutra cousa en toda Europa. Agora acaba de pasar outra vez e a todo o mundo parece que lle dá exactamente igual. Non pasa nada. Todo é ou non é importante dependendo do momento. Pero si que é necesario que a covid comece a convivir con outras informacións que tamén son esenciais.
BELÉN LÓPEZ