Monforte e Oroso reciben esta semana a visita de Xornalismo na Escola 'la Caixa'

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado o pasado xoves 20 no IES Río Cabe de Monforte

A actividade da quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, continúa a súa andaina esta semana con obradoiros en Monforte de Lemos (xoves 27) e Oroso (venres 28).

Logo do obradoiro realizado o pasado día 20, o IES Río Cabe de Monforte vai volver acoller este xoves 27 de febreiro un novo taller de Xornalismo na Escola "la Caixa", entre as 11:45 e as 13.25 horas, impartido por Xavier López Quiroga. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. Adrmais, na mañá do venres 28 de febreiro será a quenda do IES de Oroso, en Sigüeiro, onde Ángel Castro Silva impartirá tres talleres da iniciativa posta en marcha do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’. Castro Silva, ademais de ser licenciado en Xornalismo, ten o dobre mestrado en Profesorado e Comunicación Transmedia e traballou nas redaccións da Radio Galega, Luzes, a Axencia Efe ou Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña.

Xunto a eles, os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Edith Filgueira Rodríguez, Manuel Guisande, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, todos eles con ampla traxectoria profesional, que en moitos casos inclúe tamén formación a nivel didáctico. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG