Mulleres xornalistas asinan un manifesto en apoio á folga do 8M e para denunciar o machismo no sector

O colectivo composto por mulleres xornalistas, baixo o lema 'As Xornalistas Paramos', asinan un manifesto en apoio á folga do 8M e denunciar o machismo que se produce no sector. A continuación reproducese o contido do manifesto que o colectivo ten dispoñible na súa web.

 

Manifesto 8M - As xornalistas paramos

 

Mulleres xornalistas de decenas de medios e axencias de comunicación, gabinetes de prensa, e, en xeral, traballadoras de medios e empresas xornalísticas apoiamos a folga xeral feminista convocada para este 8 de marzo. Da mesma maneira, instamos a todas as compañeiras a que se sumen á mobilización na medida das súas posibilidades e circunstancias.

Todas sufrimos o mesmo machismo que as mulleres do resto de sectores –precariedade, inseguridade laboral, fenda salarial, teito de cristal, acoso sexual ou ninguneos– pero coas particularidades asociadas á nosa profesión. Somos conscientes da relevancia social do noso traballo e, por iso, amosamos tamén a nosa preocupación pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios e na que falta a presenza e aportacións das mulleres. O feminismo tamén é necesario para mellorarmos o xornalismo.

Por iso, neste 8 de marzo esiximos aos medios de comunicación e empresas xornalísticas que teñan en conta as nosas reivindicacións:

  1. fenda salarial é unha realidade no noso sector. Esiximos ás empresas transparencia salarial e unha revisión de categorías, complementos e criterios profesionais que permitan acabar con ela.
  2. Teito de cristal. As direccións dos medios e empresas xornalísticas están copadas por homes. Reivindicamos o noso dereito a ocuparmos postos de poder e responsabilidade e a que se nos teña en conta nas promocións profesionais para postos intermedios.
  3. Precariedade. Sufrimos niveis de temporalidade superiores aos dos nosos compañeiros. Da mesma maneira denunciamos a inestabilidade laboral das compañeiras freelance e das falsas autónomas, unha situación de precariedade que se fixo habitual nos últimos anos.
  4. Corresponsabilidade e coidados. Denunciamos que as dinámicas de traballo priorizan o presentismo e a libre disposición e son alleas ás necesidades de coidado que teñen todas as persoas. Cremos que a corresponsabilidade e a flexibilidade non debe ser un asunto de boa vontade, senón unha prioridade que as empresas deben asumir para que estas tarefas se repartan por igual entre mulleres e homes. Como noutros sectores, unha ausencia de conciliación real perxudica máis as mulleres, que acaban modificando ou recortando os seus horarios para poderen coidar e mesmo abandonando o seu emprego ou cambiando de profesión.
  5. Acoso sexual e laboral. Son moitas as xornalistas que veñen de sufrir por parte de compañeiros e superiores, pero tamén de fontes, situacións de acoso sexual. Por outro lado, o ninguneo, a condescendencia, o paternalismo e os mansplaining están á orde do día nas redaccións e fóra delas, na nosa actividade diaria. Como profesionais da comunicación sufrimos acoso online, ademais de comentarios violentos e machistas nas nosas pezas.
  6. Os espazos de opinión e as tertulias están masculinizados. Hai máis que suficientes mulleres xornalistas e expertas que poden equilibrar eses espazos.
  7. Ollada parcial e preocupación polos enfoques. Todas estas fendas que sufrimos as xornalistas teñen consecuencias, tamén nos contidos e nos enfoques dos medios de comunicación. A visión da realidade que transmiten é moitas veces parcial e está sesgada porque non ten en conta na mesma medida as experiencias, os relatos e as vivencias das mulleres que, a miúdo, son tratadas como personaxes secundarios ou con estereotipos. Un exemplo é o tratamento da violencia machista, que en moitas ocasións segue culpabilizando á vítima. As primeiras páxinas, as aperturas de medios e informativos son decididas por homes.

Instamos á audiencia e a lectores e lectoras a seren cómplices das nosas demandas. As mulleres asinantes deste manifesto fano a título individual e non queremos que ningún partido político, sindicato ou medio de comunicación se apropie das nosas reivindicacións.

Convocamos a lectura deste manifesto o 8 de marzo ás 12:30 na praza de Callao de Madrid e animamos a que se convoquen outras lecturas noutras cidades do país.

Se te queres sumar, engade o teu nome e apelidos neste formulario e incluirémoste la listaxe de adhesións.