Mulleres xornalistas, contra os anuncios sexuais

A Asemblea Andaluza de Mulleres Xornalistas iniciará unha campaña contra os anuncios de contactos sexuais na prensa e mobilizaranse ata lograr que os editores decidan terminar con "esta secuela que -aseguran- mancha os medios e o labor de quen neles traballan".
España é o único país europeo onde a prensa seria publica nas súas páxinas anuncios de contactos, polos que ingresa grandes beneficios "publicitarios", indicou esta asemblea, reunida en Loja, nun comunicado.

Tres meses despois de que a Comisión Mixta Congreso-Senado sobre os Dereitos da Muller recomendara a retirada dos anuncios de compravenda de "servizos sexuais", a petición tivo pouco éxito: só un medio -20 Minutos- aplicou esa supresión.

As compoñentes da Asemblea Andaluza de Mulleres, que se negan a ser "cómplices silenciosas de empresas que participan no negocio da prostitución", reclamaron a todos os xornais que se editan nesta comunidade e a todos os que nela se difunden que, facendo uso do autorregulamento, eliminen das súas páxinas os "degradantes anuncios que poñen en cuestión os idearios éticos".

GALICIA HOXE/EP
LOJA