Nace 'Cativa' para reivindicar as mulleres galegas

Bota a andar Cativa, unha nova revista feminista impulsada por tres estudantes de Xornalismo como proxecto final de grao. A publicación xa ten na rúa o seu primeiro número, con cen páxinas de contidos. 

Este mes de xullo saiu do prelo o primeiro número da revista Cativa, unha nova publicación galega en papel que busca reivindicar o papel da muller na nosa sociedade. A revista nace da mao de tres estudantes de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, Tania Forja, Sara García e Uxía Pérez, que decidiron pola en marcha como proxecto final de grao, e o seu nacemento veuse condicionado pola crise sanitaria que as confinou as tres en distintas localidades e dificultou a realización de entrevistas e reportaxes. 

No primeiro número (que pode consultarse de balde na Internet ou solicitarse por correo a través das súas redes a un custo de 11,40€) podemos encontrar entrevistas a Ana Pérez, Elena Ferro, Margarita Ledo e Habelas Hainas; reportaxes sobre as mulleres na pandemia da Covid-19, a "taxa rosa", a menstruación ou a irrupción das mensaxes feministas na moda ou unha fotorreportaxe sobre o 8 de marzo, ademais doutros moitos contidos. Todo iso nun volume de 100 páxinas cunha coidada edición e numerosas reproducións de obras realizadas por mulleres artistas. 

Ademais da redacción das tres directoras, Cativa conta coa colaboración de Agostiño Iglesias, Sandra Barral, Gael de Papel, Berta Lema e Esteban Peña.

CPXG