Nace MediaMapa.gal, un dos proxectos premiados coa Bolsa 'Nacho Mirás'

Mapa dos medios galegos (Foto: MediaMapa.gal)

Preséntase ao público MediaMapa.gal, un dos proxectos premiados coa Bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

A semana pasada comezou a súa andaina pública MediaMapa.gal, un dos proxectos financiados pola Bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados do 2016, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

MediaMapa.Gal procura construír unha cartografía do conxunto dos medios de comunicación en Galicia. O elemento principal do sitio é un mapa interactivo onde os usuarios poden localizar todos os medios activos en Galicia, ver as súas características básicas e acceder de xeito directo a eles. Ademais, o mapa é un espazo aberto no que calquera usuario é quen de introducir novas iniciativas mediáticas.

No seu lanzamento, MediaMapa.Gal recolle os datos de case 150 medios de todo o territorio galego, situados xeograficamente e clasificados polas características de grao de proximidade (municipal, comarcal, provincial ou comunitario), tipo de medio (prensa, radio ou televisión), soporte (papel, web, radio ou televisión), temática (especializada ou xeralista) e idioma de edición (castelán, galego ou portugués). Desde as fichas dos distintos medios pode accederse aos seus respectivos sitios web, así como consultar os datos de denominación social e área de cobertura.

MediaMapa.gal está promovido por Cruz Negreira, xornalista e doutoranda en Comunicación e Información Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, que investiga, dentro do grupo de investigación Novos Medios da USC, sobre o desenvolvemento dos medios hiperlocais na rede, en Galicia e no conxunto do Estado. A web MediaMapa.Gal servirá tamén para difundir parte dos resultados desta investigación, que se publicarán en aberto e de forma periódica no sitio.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

CPXG

Relacionada: O proxecto Punto e Volta estrea a súa páxina web, puntoevolta.com