Nace 'Nós Diario'

Este xoves 2 de xaneiro publícase o primeiro número de Nós Diario, a nova publicación impulsada desde Sermos Galiza. Con ela, ademais de aumentar a oferta informativa, volve existir no noso panorama mediático un diario en papel escrito integramente en galego, algo que non acontecía desde hai case sete anos. O novo xornal publicarase de martes a sábados con 32 páxinas a toda cor. 

A entrada do ano chega cunha gran novidade nos quioscos galegos. Este 2 de xaneiro sae do prelo Nós Diario, o novo xornal en papel, escrito en galego, que vai engrosar o ecosistema informativo da nosa comunidade. Nós Diario conta con 32 páxinas a toda cor e vai publicarse de martes a sábados. Os sábados estará acompañado do suplemento semanal Sermos Galiza, que toma o nome da publicación que o precedeu. O novo xornal xa está dispoñíbel en máis de 2.400 puntos de venda, a un prezo de 1,50 euros (que os sábados será de 3 euros). Ademais, a sua web actualizarase de maneira diaria. 

A saída do prelo de Nós Diario ten a súa orixe no semanario Sermos Galiza, nado na rede o 25 de abril de 2012 e en papel o 17 de maio dese mesmo ano. O 24 de novembro de 2017, o Consello de Administración de Sermos Galiza comunicou que decidía apostar pola posta en marcha dun diario en galego, que posteriormente collería o nome de Nós Diario. Para desenvolver o proxecto, iniciouse unha campaña co obxectivo de acadar 3.000 subscricións. O pasado 30 de novembro presentouse o número 0 do xornal e este xoves xa existe unha nova cabeceira, en galego, entre os diarios galegos. 

Con Nós Diario volve haber un xornal en galego publicado en papel tras case sete anos nos que non houbo ningún diarios impreso integramente nesta lingua, logo do paso do gratuíto De Luns a Venres a periodicidade semanal no 2013 (e a previa desaparición dos quioscos do Galicia Hoxe no 2011). Ademais, é o primeiro diario en papel que nace na nosa comunidade desde decembro do 2008, cando nacera Xornal de Galicia, que resistiu publicándose até mediados de 2011. 

CPXG