Nace o colectivo Xornalistas Galegas por unha profesión con perspectiva feminista
O pasado sábado 7 de xullo naceu na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela o colectivo Xornalistas Galegas, que se presenta cun manifesto fundacional que reclama un xornalismo con perspectiva feminista.
A reunión celebrada este sábado foi o terceiro encontro tras a folga do 8 de marzo, na as mulleres xornalistas participaron de forma masiva no movemento. Nas xuntanzas anteriores participaron máis de 40 mulleres, ademais doutras case 200 profesionais que apoiaron o nacemento do Xornalistas Galegas mais que, por distintos motivos, non puideron participar presencialmente.
Por un xornalismo feminista
Xornalistas Galegas preséntase co manifesto 'Por un xornalismo feminista', que engloba as reflexións e reivindicacións deste colectivo, salientando a necesidade dun “xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común” e lembrando que as profesionais do xornalismo, como mulleres, “padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e, como xornalistas, estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible”.
Ademais das sinaturas recollidas no acto celebrado en Santiago, o manifesto está xa dispoñible na rede para a adhesión das mulleres profesionais da comunicación, e xa se pode contactar con Xornalistas Galegas a través da conta de Twitter @asxornalistas ou do correo electrónico xornalistasgalegas@gmail.com.
Actividade futura
Xornalistas Galegas ten entre os seus obxectivos o de “realizar unha vixiancia feminista dos contidos dos medios e denuncia pública e directa as publicacións machistas ou sexistas”, ademais de establecer con outros colectivos e participar activamente no movemento estatal ‘Las periodistas paramos’. En setembro, teñen previsto realizar unha presentación pública na que se presentarán acción e iniciativas a desenvolver no futuro.
CPXG