O Colexio de Xornalistas presenta a súa nova web e o proxecto 'Xornalismo na Escola'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou esta mañá en Santiago a súa nova web, xornalistas.gal, o proxecto 'Xornalismo na Escola' e un novo servizo de espazo de traballo para os colexiados e colexiadas. A presentación tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e nela estiveron presentes o decano do Colexio, Xosé Manuel Pereiro; Anxo Pérez Romariz, responsable de Comunicación de la Caixa en Galicia; e Manuel Barreiro, d'A Navalla Suiza.

A nova web, dispoñible dende hoxe, inclúe máis servizos e prestacións para os membros do CPXG. Baixo un deseño máis claro e adaptada para a perfecta visualización en calquera dispositivo móbil, os usuarios terán acceso a ferramentas e utilidades que poderán personalizar, ademais de poder consultar información  exclusiva como novas, cursos ou descontos  mediante o uso da súa contrasinal. Os datos persoais de acceso facilitaranse por mail nos próximos días. O CPXG empregará tamén o dominio .gal como principal tanto nesta nova páxina como nos correos electrónicos.

'Xornalismo na Escola', presentado tamén hoxe, é un novo proxecto no que, co apoio da Obra Social 'la Caixa' poranse en marcha sesións pedagóxicas en aulas de 3º e 4º da ESO de centros de toda a xeografía galega. Preténdese achegar ós máis novos, de forma práctica, diferentes aspectos da comunicación, dos medios e das novas tecnoloxías. O CPXG seleccionará , de entre as propostas recibidas, a seis colexiados e colexiadas en búsqueda de emprego que se encargarán de impartir as sesións e elaborar as unidades didácticas.

Ao respecto Anxo Pérez Romariz comentou que a Obra Social leva xa algún tempo realizando este proxecto noutras zonas como Cataluña, Sevilla e Madrid, no que xornalistas en paro imparten xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de educación secundaria. O responsable de Comunicación de la Caixa en Galicia tamén destacou que "con esta iniciativa se amplía a colaboración co Colexio, que xa leva desenvolvéndose varios anos co Premio José Couso "e expresou o seu desexo de que continúe no futuro.

O decano Xosé Manuel Pereiro amosouse moi satisfeito coa iniciativa e destacou a necesidade fomentar nos máis novos o interés pola actualidade e o espíritu crítico. Sobre a remodelación da web destacou que "tratouse de actualizala ás novas necesidades dos xornalistas, deixando un pouco atrás a web corporativa para convertila nunha ferramenta para os profesionais". Neste sentido destacou que "a súa utilidade será maior se todos colaboramos nela, no seu enriquecemento e ampliando as súas posibilidades". Pereiro afirmou que "xornalistas.gal era ata agora unha referencia entre os profesionais da comunicación e agardamos que o siga sendo".

Pereiro rematou a rolda de prensa avanzando que en breve se poñerá a disposición dos colexiados un servizo de uso de despacho para atender ás necesidades dos xornalistas que puntualmente precisen dun espazo para traballar ou manter unha reunión. O Colexio de Xornalistas informará en breve deste novo servizo e das súas pautas para solicitalo e para usalo.