Novas ferramentas para informar correctamente da trata de persoas e da violencia de xénero

Inauguración da Xornada "Trata de Persoas e Medios de Comunicación" (Foto: Xunta de Galicia)

Esta semana, distintos acontecementos coincidían no tempo para ofrecer novas ferramentas para unha información máis axeitada sobre a trata de persoas e a violencia de xénero. En Ourense celebrábase a xornada "Trata de Persoas e Medios de Comunicación", mentres que en Madrid e Córdoba presentábanse novas guías para mellorar o tratamento destas temáticas. 

Este xoves 23 de setembro tivo lugar en Ourense a V Xornada da Rede Galega contra a Trata, baixo o título "Trata de Persoas e Medios de Comunicación". A xornada, na que participaban expertas e expertos como Montserrat Boix, Belén Liste Lázara, Jesús Manuel García Díaz ou Karme Freixa, tiña como obxectivos visibilizar o papel informativo e educativo que os medios de comunicación realizan en relación a trata de persoas, crear un espazo de reflexión acerca de boas e malas prácticas no tratamento da noticia en prensa escrita, radio e TV, xerar un debate e propostas de mellora no tratamento informativo da noticia e articular a coordinación entre ONGs e medios de comunicación tomando como modelo entidades con experiencia neste ámbito.

A xornada coincide no tempo con outra noticia sobre a información da trata de persoas nos medios, a da presentación en Madrid do manual de estilo Cómo informar sobre la trata, elaborado pola xornalista Charo Izquierdo. O libro, publicado pola Asociación para la prevención, Reinserción y Atención a la Mujer Prostituida, a Comunidade de Madrid e LID Editorial, pretende “establecer unhas liñas éticas” para os profesionais dos medios de comunicación e as súas empresas á hora de elaborar informacións sobre a trata.

Finalmente, en Córdoba o Consejo Audiovisual de Andalucía presentaba tamén outra publicación, a Guía para el Tratamiento Informativo de la Violencia de Género, realizada coa participación do Colegio de Periodistas de Andalucía, a RTVA, RTVE-Andalucía, a rede de televisións locais Acutel, a Fiscalía de Violencia contra a Muller de Andalucía e a Subdirección de Audiovisual da CNMC. Esta guía pretende analizar os códigos deontolóxicos e recomendacións existentes en España sobre o tema para ofrecer recomendacións actualizadas tanto para contextualizar as informacións sobre violencia machista como para informar de xeito adecuado.

CPXG