Novos obradoiros de Xornalismo na Escola en Pontevedra, este martes no IES A Xunqueira II

O alumnado de Pontevedra vai recibir dous novos obradoiros da segunda edición de Xornalismo na Escola, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’. Os talleres, impartidos por Sara Martinez, terán lugar este martes 28 de marzo no IES A Xunqueira II.

Os talleres do IES A Xunqueira II, dirixidos ao alumnado de 3º da ESO, vanse celebrar de 10:25 a 12:05 e de 12:30 a 14:10. Trátase do segundo IES da cidade que recibe os obradoiros de Xornalismo na Escola, que xa chegaron ao IES Valle Inclán. Esta segunda edición de Xornalismo na Escola, que se iniciou o pasado dous de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía tense trasladado tamén a Vigo, Ribeira, Ourense, A Coruña, Betanzos, Santiago, Lugo e Brión.

O obxectivo dos obradoiros é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as novas nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG