O balance anual de RSF recolle 387 xornalistas encarcerados, 54 secuestrados e 4 desaparecidos no 2020

A organización internacional Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) publicou a primeira parte do seu balance anual de agresións contra os xornalistas no mundo. O informe recolle que en 2020 hai 387 xornalistas encarcelados, 54 secuestrados e 4 dados por desaparecidos. Aínda que o número de presos se mantivo estábel con respecto ao ano anterior, produciuse un aumento significativo dos ataques e arrestos relacionados coa crise sanitaria, así como unha suba do número de mulleres xornalistas presas. 

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) publicou a primeira parte do seu Balance Anual 2020, referida aos comunicadores e comunicadoras que sofren cautiverio polo seu traballo informativo. Neste momento, os datos recollidos polos equipos de RSF contabilizan un total de 387 xornalistas encarcerados, un dato moi semellante aos 389 do ano pasado, e que representa un máximo histórico. De todos eles e elas, o 61% están encarcerados e encarceradas en tan só cinco países, que repiten como principais cárceres de xornalistas: China (con 117 presos e presas), Arabia Saudita (34), Exipto (30), Siria (29) e Vietnam (28).

O número de mulleres xornalistas encarceradas experimentou un aumento este ano, pasando de 31 no 2019 a 42 no 2020, un 34% máis. Entre as comunicadoras detidas nos últimos tiempos encóntrase a gañadora do Premio de Reporterios Sen Fronteiras á Liberdade de Prensa do ano pasado, a vietnamita Pham Doan Trang. As cifras revelan tamén un aumento das detencións e interpelacións arbitrarias entre os meses de marzo e maio, cando a crise sanitaria do coronaviros comezou a propagarse por todo o mundo. Os ataques relacionados coa cobertura da Covid-19 representaron o 35% do total entre principios de febreiro e finais de novembro, e aínda que a meirande parte dos profesionais só estiveran retidos unhas poucas horas ou días, actualmente seguen encarcerados 14 periodistas por informar sobre a pandemia.

O balance lembra tamén que hai polo menos 54 xornalistas e traballadores dos medios secuestrados en todo o mundo, o que significa un descenso do 5% con respecto ao ano pasado. Logo da liberación do xornalista ucraíno Stanislav Aseyev, que estaba retido polas forzas separatistas no Dombás, xa só Siria, Irak e Iemen teñen xornalistas cautivos por actores non estatais. Case a metade dos comunicadores retidos (25) encóntranse en mans do denominado Estado Islámico. RSF salienta con preocupación o caso de catro xornalistas iemenís capturados polos hutís no 2015, e sobre os que pesa unha condea a morte que podería ser executada en calquera momento.

Finalmente, o relatorio recolle os nomes de catro xornalistas dados por desaparecidos ao longo deste ano: Tawfik Al-Tamimi, director de Al-Sabah, secuestrado en Bagdad (Irak) o 9 de marzo; Bwira Bwalitse, director da radio comunitaria de Bakumbule, secuestrado por homes armados en Kiivu, ao leste da República Democrática do Congo; Daysi Lizeth Mina Huamán, xornalista da canle peruana de televisión VRAEM TV de Ayacucho, desaparecida o 26 de xaneiro de 2020 e Ibraimo Mbaruco, xornalista da radio comunitaria de Palma (Mozambique), cuxo rastro se perdeu o 7 de abril de 2020 na provincia de Cabo Delgado.

O vindeiro 29 de decembro, Reporteiros Sen Fronteiras publicará a segunda parte do seu Balance Anual, dedicado aos xornalistas asasinados en 2020.

CPXG