O Colexio de Xornalistas chama unha vez máis a respectar os principios dun xornalismo digno, serio e responsábel

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia observa con preocupación a aparición dalgunhas informacións nos medios galegos que non respectan os principios máis básicos da deontoloxía profesional, e chama ao conxunto das e dos xornalistas a respectaren en todo momento as normas e recomendacións da profesión.

En concreto, téñense constatado nas últimas semanas malas prácticas relacionadas co tratamento dalgúns colectivos en grupos de exclusión. O Colexio de Xornalistas lembra que mantén unha serie de Recomendacións para o tratamento de temas sensíbeis que poden guiar ás e aos profesionais no tratamento deste tipo de temáticas. Ademais, o CPXG tamén colaborou na redacción da Guía de linguaxe inclusiva e publica puntualmente recompilacións de recomendacións publicadas por outros organismos (a última delas, sobre como informar da comunidade LGTBQI.

Alén diso, cómpre lembrar que o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego ten que ser aplicado rigorosamente para garantir o dereito da sociedade a recibir unha información plural, veraz e independente. Neste sentido, resulta especialmente necesario respectar nas informacións o dereito á intimidade e ao anonimato das persoas implicadas, así como gardar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas pezas informativas. 

Por último, unha tendencia especialmente preocupante nos últimos tempos é a inclusión de informacións sensacionalistas ou titulares e imaxes impactantes dirixidos ao seu uso nas redes sociais, co obxectivo de atraer atención e visitas cara aos sitios webs dos medios. Esta estratexia, comunmente chamada clickbait, é incompatíbel con un xornalismo profesional, serio e responsábel, que ten que estar enfocado a garantir o dereito á información da sociedade, e non simplemente a xerar ingresos para unha empresa mediática mediante a utilización do morbo e o sensacionalismo. 

Xunta de Goberno 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia