O Colexio de Xornalistas condena a agresión ó cámara de Telecinco en Vigo

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa enérxica condena á agresión sufrida polo cámara de Telecinco Roberto Castro que gravaba o enfrontamento entre traballadores do metal e axentes da Policía en Vigo.
O CPXG considera especialmente grave este feito porque, segundo testemuñas presenciais, o ataque ó informador, por parte duns incontrolados, foi deliberado e non fortuito.

O Colexio insta ós sindicatos e ós comités de empresa a adoptaren tódalas medidas necesarias para que feitos como estes non se volvan producir e para que o dereito de manifestación se desenvolva sen lesionar o dereito de información.

A Xunta de Goberno do CPXG reclama ademais á Delegación do Goberno que garanta a protección dos xornalistas que traballan na cobertura deste conflicto laboral. O amplo despregue policial tamén debe servir para impedir agresións ós informadores.

Por último, a Xunta de Goberno do Colexio ponse a disposición de Roberto Castro e da comunidade xornalística de Vigo para facer valer os seus dereitos.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia