O Colexio de Xornalistas condena a entrada da policía en 'Público' sen orde xudicial
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) expresou este sábado o seu total e incondicional respaldo ós compañeiros do diario Público tras coñecer que 2 axentes da Comisaría Xeral da Policía Xudicial entraron na tarde de este pasado venres na súa redacción solicitando "sen orde xudicial", as gravacións que implican ó Ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, nunha suposta conspiración contra políticos independentistas cataláns.
Esta Xunta de Goberno considera inadmisible, inxustificado e impropio dun estado de dereito o xeito de actuar da policía e demanda ó goberno en funcións unha explicación pública do ocorrido.
Asemade, lamentamos ter que poñer o acento, en xornada de reflexión electoral, no que consideramos é unha merma da calidade democrática no noso país.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1100 colexiados repartidos nas 7 demarcacións en Santiago, Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia