O Colexio de Xornalistas considera deplorable un artigo de opinión de José Luis Patiño en Diario de Ferrol

Bandeira do movemento LGTBI no Día do Orgullo LGTBI en Madrid (Foto: Onanymous (CC BY 3.0))

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia deplora que o xornal Diario de Ferrol decidise publicar o pasado día 26 nas súas páxinas de opinión, un artigo asinado polo colaborador José Luis Patiño que, baixo o título “Hasta el culo”, constituía un ataque encarnizado contra o colectivo LGTBI (lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais).

De ningún modo podemos tolerar que se chame a “actuar con valentía” reivindicando o día do orgullo hetero, e cualificando ás persoas LGTBI de “gays y maricallos; lesbianas y machorras; bisexuales, trisexuales, transexuales, hermafroditas y bestialistas”. 

O artigo orixinou unha onda de protestas nas redes sociais e motivou que a plantilla do Diario de Ferrol publicase un comunicado no que rexeitaron e lamentaron tal actuación; pediron perdón e esixiron que o autor do texto fixese o mesmo.

O CPXG considera axeitado que o diario retirase a publicación da súa páxina web, pero lamenta que non houbese desculpa por ter difundido unha peza escrita en linguaxe insultante e totalmente carente de respecto polas persoas que teñen orientacións sexuais  diferentes. 

É tarefa da profesión xornalística abordar os problemas da sociedade con rigor, mesmo cando se trata de opinar; e nada ten que ver a defensa da liberdade de opinión co apoio a expresións de odio e intolerancia como as que no artigo utilizou o seu autor.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Versión en castelán: El Colexio de Xornalistas considera deplorable un artículo de opinión de José Luis Patiño en Diario de Ferrol.