O Colexio de Xornalistas contra a violencia machista
40 mulleres foron asasinadas no estado español ata o 24 de novembro, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, Seguridade Social e Igualdade. Delas, unha en Galicia.
A cifra é tremenda, pero se cadra, xa nos afixemos demasiado. Cambiemos agora mulleres por pediatras, xornalistasou futbolistas. As cousas mudan.
Primeiro: seguramente pensamos en homes, aínda que o nome da profesión sexa igual para os dous sexos.
Segundo: seguramente tamén, nos preguntariamos por que.
E a resposta sería “polo feito de selo”. Porque iso ocorre coas mulleres: son asasinadas polo feito de seren mulleres.
A violencia machista, lonxe de desaparecer, amplía o seu radio de acción. As vítimas son cada vez máis novas; dispáranse as actitudes violentas e controladoras na banda de idade adolescente, ata chegar practicamente ao 90% das rapazas, de acordo coas cifras da Fundación de Axuda a Nenos e Adolescentes, ANAR. O dez por cento nenas que sofren estes comportamentos teñen entre 13 e 14 anos; as parellas que as maltratan, na metade dos casos, pasan dos 18. O máis preocupante é que unhas e outras o consideran normal dentro dunha relación de parella.
Diante desta realidade, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere reafirmar o seu compromiso coa loita contra a violencia machista, e chama ás e os profesionais a abordar as noticias deste ámbito coma a lousa social que representan e non coma meros sucesos. As agresións, mortais ou non, han ser denunciadas e tratadas coma os delitos que constitúen.
Como parte dese compromiso, o Colexio de Xornalistas puxo en marcha esta semana unha campaña nas redes sociais, que baixo o hashtag #NonDifundasMachismo, pon de relevo as informacións machistas que aínda seguen a saír nos medios. Precisamente porque entra na responsabilidade dos e das xornalistas erradicar este tipo de tratamentos que perpetúan, cando non agravan, este problema que non afecta só ás mulleres, senón a unha sociedade enteira que ten que aprender a desterrar os estereotipos e a mellorar a educación en igualdade.
O Colexio rexeita as actitudes sensacionalistas e morbosas, e avoga polo tratamento das informacións con rigor. É preciso deixar de culpar ás mulleres do que lles sucede; de xustificar agresións con escusas como o alcol, os ciumes ou un acto pasional. É preciso dicir que as mulleres son asasinadas, non que morreron despois dunha agresión. É preciso ter en conta que son acoiteladas, golpeadas, botadas por fiestras, tiroteadas.
Algo está fallando cando a situación empeora, cando as ordes de afastamento non valen, cando as denuncias non se toman en serio, e cando a xente máis nova cre que é normal exercer ou padecer control por parte da parella.
O Colexio anima ás e aos xornalistas a ter en conta o drama social que este tipo de violencia representa, e a denunciar e destacar a súa permanencia. Chama a publicar, xunto con cada unha das noticias, a existencia do teléfono gratuíto 016, que non queda rexistrado nos terminais, para que as mulleres en situación de risco poidan pedir axuda.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia