O Colexio de Xornalistas de Galicia súmase ao manifesto 'Profesionais pola igualdade e contra a violencia de xénero'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de adherirse ao manifesto Profesionais pola igualdade e contra a violencia de xénero, que fai un chamamento a aplicar a perspectiva de xénero dunha maneira transversal en todas as dimensións da vida social, política, xurídica e xornalística, considerándoo un dereito humano fundamental, segundo marcan os estándares internacionais.

O Colexio de Xornalistas asinou o manifesto Profesionais pola igualdade e contra a violencia de xénero, que chama a aplicar a perspectiva de xénero en todas as dimensións da vida social, política, xurídica e xornalística. Esta sinatura súmase a outras iniciativas do colexio en prol da igualdade, como a colaboración coa Consellaría de Emprego e Igualdade para deseñar formación de xénero para xornalistas.

O manifesto, promovido por asociacións do ámbito xurídico e xornalístico, resúmese en oito puntos principais: A igualdade de xénero é un dereito humano; É preciso aplicar a perspectiva de xénero a todas as políticas; A educación é clave para conseguir a igualdade e previr a violencia de xénero; Maior concienciación social para rematar con estas vulneracións de dereitos; Importancia da calidade das estatísticas e a necesidade de investigacións en igualdade e violencia de xénero; Evitar a banalización e a revitimización das mulleres; Igualdade de trato, un principio básico e A falta de igualdade na violencia de xénero é un problema público que require solucións públicas con resposta por parte dos poderes públicos.

Desde o seu nacemento, e especialmente a partir do ano 2004 coa publicación da Declaración de Compostela, o Colexio de Xornalistas ten realizado unha firme defensa da igualdade e unha aposta por medidas transversais que inclúan a perspectiva de xénero no ámbito do xornalismo. Recentemente, púxose en marcha unha colaboración coa Consellaría de Emprego e Igualdade para deseñar formación especializada dirixida a xornalistas, promover a creación de editoras de xénero nas empresas de comunicación e renovar o compromiso dos medios coa Declaración de Compostela.

CPXG