O Colexio de Xornalistas defende a lexitimidade das reivindicacións dos profesionais da CRTVG

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas valora o compromiso dos profesionais da CRTVG co dereito á información da cidadanía, nun exercicio tan necesario como pouco habitual que evidencia o papel insubstibuíble dos medios públicos no noso espazo comunicativo. Reclamar o cumprimento da lei e defender os principios do servizo público non só constitúe un dereito dos e das traballadoras da CRTVG senón unha obriga como empregados públicos e como informadoras. Eivas semellantes ás denunciadas na CRTVG -e recentemente en RTVE- afectan tamén aos medios de titularidade privada, nos que resulta aínda máis difícil para os xornalistas cuestionar prácticas informativas incompatibles co código deontolóxico. 

O Colexio de Xornalistas de Galicia rexeita con toda contundencia calquera intento de coartar as lexítimas críticas das profesionais da información. Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo. Pola contra, a calidade da información e o deteriorado clima laboral beneficiaríanse sen dúbida do diálogo aberto que debe producirse en todas as redaccións. A propia Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia de 2011, en cuxo dilatado proceso de elaboración colaborou o CPXG, establece instrumentos de participación dos traballadores como o longamente adiado Consello de Informativos. Desde a Xunta de Goberno lembramos unha vez máis a importancia de cumprir a Lei na súa integridade, sen obviar os mecanismos que deben contribuír á independencia dos medios públicos do poder político, e instamos o Consello de Administración da CRTVG a poñer en marcha coa maior brevidade o Consello de Informativos. 

Só o compromiso de profesionais e medios de comunicación coas obrigas deontolóxicas e co dereito á información pode recuperar a confianza da cidadanía no xornalismo como alicerce imprescindible dunha sociedade plenamente democrática. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia