O Colexio de Xornalistas defende contratar profesionais do fotoxornalismo para a divulgación de información gráfica
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reivindica a contratación de fotoxornalistas para a divulgación de imaxes facilitadas por institucións, organizacións e empresas.
O Colexio de Xornalistas quere lembrar que as imaxes captadas polos fotógrafos teñen por si mesmas un valor xornalístico, contribúen á liña editorial dos medios e son un piar necesario da diversidade no noso panorama informativo.
Do mesmo xeito que as notas de prensa representan información interesada que é necesario que contrasten ou editen profesionais, as imaxes fornecidas polas fontes son tamén unha visión única e parcial dos acontecementos. Resulta esencial para a pluralidade da nosa sociedade que os medios dispoñan de fotoxornalistas que ofrezan coas súas imaxes olladas distintas e información diversa da actualidade.
O Colexio de Xornalistas reivindica que aquelas empresas, institucións e organizacións que teñen a ben divulgar información e imaxes sobre a súa actividade eviten facelo sen a previa contratación do traballo a un profesional. A profesionalización das imaxes divulgadas en todo tipo de medios informativos, ademáis de aportar calidade e boa información, non contribuiría a devaluación do traballo dos fotoxornalistas, a súa precarización e paro.
Cómpre lembrar tamén a práctica, cada vez máis xeralizada nos medios informativos, do redactor que tamén realiza fotografías, en moitas ocasións con medios máis que precarios. A supresión do fotoxornalista no proceso informativo empobrece tanto a información escrita como a fornecida polas imaxes. A figura do fotoxornalista profesional, máis necesaria do que nunca nunha sociedade marcada pola imaxe, non pode ser substituída nin por imaxes interesadas nin por instantáneas captadas de maneira precaria.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia