O Colexio de Xornalistas e a Obra Social “la Caixa” achegan o funcionamento dos medios ao IES Eduardo Blanco Amor de Ourense

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES As Lagoas de Ourense o pasado 17 de marzo

A segunda edición de “Xornalismo na Escola”, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, chegará o luns 24 de abril e o xoves 27, ao centro ourensán IES Eduardo Blanco Amor.

Máis de medio cento de alumnos do IES E.Blanco Amor terán a oportunidade de participar este luns -e tamén o día 27 nunha segunda quenda, nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares  coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuir a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades  que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

A sesión programada para este luns en Ourense comezará ás 10:30 horas no IES Blanco Amor, onde o xornalista Xosé Lois Carrión impartirá un dos obradoiros no que participarán 25 alumnos de terceiro de ESO. O vindeiro día 27, no mesmo centro, será o segundo obradoiro, dirixido a uns 35 alumnos de4º de ESO. 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Nove xornalistas -todos eles con ampla traxectoria profesional- son as persoas encargadas de levar a cabo os talleres que se están a celebrar en distintos concellos  de Galicia.

Con estes dous obradoiros no IES Blanco Amor rematará a actividade en Ourense capital e provincia, xa que deica hoxe téñense impartido nos IES Lagoas e Otero Pedrayo, da capital, así como en Maceda e Celanova. A programación desta segunda edición de Xornalismo na Escola comezou o pasado mes de marzo e prolongarase ata o mes de maio. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os profesionais que están a impartir os obradoiros en centros escolares de  A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía, entre outras localidades.  

O proxecto “Xornalismo na Escola”, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é froito dun acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´La Caixa`. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta mesma iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares nos que se veñen celebrando obradoiros de semellantes características.

CPXG