O Colexio de Xornalistas e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia publican os resultados da enquisa sobre riscos psicosociais nos xornalistas
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) publican os resultados da enquisa sobre a exposición aos riscos psicosociais dos xornalistas galegos. A información insuficiente, o ritmo de traballo excesivo, a acumulación de tarefas ou a perda de confianza nos superiores son algunhas das situacións máis desfavorábeis entre os e as profesionais da comunicación.
O CPXG e o COPG publican os resultados da enquisa sobre a exposición aos riscos psicosociais enviada o pasado maio aos colexiados e colexiadas. O documento pretende extraer algunhas conclusións preliminares sobre a experiencia laboral subxectiva na mostra de xornalistas e debuxar algunhas recomendacións preventivas que permitan reverter as stuacións desfavorábeis para a saúde.
Así, o estudo revela que sete de cada dez xornalistas desenvolven a súa ocupación con información insuficiente e o 83,33% están expostos a un ritmo de traballo excesivo. A isto súmanse outros problemas como a acumulación de tarefas (sinalada por máis de dous terzos das persoas enquisadas), a crise de sentido do traballo (o 57,58% atopa dificultades para entender a importancia do seu labor), os conflitos de carácter profesional e ético (o 67,42% das participantes atopan esixencias contraditorias) ou a perda de confianza nos superiores (tres de cada catro xornalistas consideran que a distribución de tarefas e os procedementos de xestión de conflictos non son xustos). Por último, máis da metade dos profesionais ten medo a perder o seu posto de traballo.
A un nivel máis detallado, o estudo revela que as mulleres xornalistas teñen unha situación sensibelmente máis desfavorábel que os homes en cuestión de esixencias cuantitativas e tratamento igualitario no posto de traballo. Na conciliación entre as tarefas laborais e domésticas tamén se observa unha situación máis favorábel para a saúde nos xornalistas varóns. No que fai aos distintos ámbitos laborais, a enquisa revela maiores riscos psicosociais no persoal da televisión, especialmente nos factores relativos á xestión dos recursos humanos.
O estudo propón ademais recomendacións para estimular unha cultura organizacional orientada á saúde ocupacional no ámbito do xornalismo, como estimular estudos periódicos que permitan coñecer mellor os riscos psicosociais aos que están expostos os e as comunicadoras, deseñar campañas de información sobre o tema ou velar porque as condicións de traballo se axusten aos estándares éticos e normativos da profesión.
A enquisa sobre riscos psicosociais, realizada co Cuestionario de Avaliación de Riscos Psicosociais no Traballo - ISTAS21, foi enviada a todos os colexiados e colexiadas do CPXG o pasado mes de maio, e os seus resultados foron analizados polo Grupo de Traballo en Saúde e Benestar Ocupacional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A taxa de participación relativamente pequena (recibironse 132 enquisas válidas) e o carácter transversal da mostra só permiten extraer conclusións preliminares, polo que o Colexio de Xornalistas se compromete a promover novos estudos que posibiliten afondar no coñecemento dos riscos psicosociais no xornalismo galego.
CPXG