O Colexio de Xornalistas insta a actuar con rigor no caso da desaparición de Sonia Iglesias
Ante algunhas observacións realizadas ante o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) por persoas achegadas á familia de Sonia Iglesias, a Xunta de Goberno fai un chamamento a medios e a profesionais para teñan unha especial observancia dos condicionamentos deontolóxicos da profesión, en especial os referidos á diferenza entre feitos e suposicións, e ao dereito á intimidade das persoas.
Compre lembrar que difundir informacións non contrastadas, contidos poucos rigorosos e tendentes ao espectáculo, pode ocasionar prexuízos tanto a quen forma parte do entorno familiar e de amigos da desaparecida, como á investigación, ademais dunha neglixencia profesional, que repercute tanto no dereito da cidadanía a unha información veraz e plural como tamén na calidade dos medios de comunicación social. O CPXG considera que estas actitudes son aínda menos escusables cando as fontes oficiais están mantendo canle informativas aceptables sobre o desenvolvemento da investigación, e tamén cando a familia de Sonia Iglesias decidiu designar un portavoz oficial para as relacións cos medios.
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2010
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2010
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)