O Colexio de Xornalistas insta a seguir as recomendacións sobre o tratamento informativo dos suicidios

Perante algunhas informacións aparecidas recentemente nalgúns medios, a Xunta de Goberno quere lembrar que ten a disposición das e dos xornalistas recomendacións para realizar un tratamento informativo axeitado dos suicidios. Do mesmo modo, insta a cumprir en todo momento os criterios do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego á hora de realizar o labor xornalístico. 

As Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano InformaDor, realizadas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia no 2017, inclúen unha Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios na que se ofrecen directrices para informar de maneira responsábel deste grave problema de saúde pública, así como fontes galegas especializadas e outra información de interese. Entre as recomendacións podemos salientar algunhas como tratar estas noticias como un tema de saúde, enfocar o suicidio como un fenómeno multifactorial, empregar sempre fontes fiábeis e expertas, non cubrir os acontecementos dun xeito sensacionalista ou morboso ou non describir con detalle os métodos empregados.

Ademais, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas colaborou co Ministerio de Sanidade na realización do Decálogo de recomendacións para os e as profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre o suicidio. Esta guía afonda tamén nos mesmos aspectos sobre o tratamento informativo dos suicidios, facendo fincapé en cuestións como coidar a linguaxe, fuxir do sensacionalismo, evitar os detalles, non simplificar unha realidade complexa, desmentir falsas creencias ou informar sempre cun enfoque positivo. 

Por último, cómpre lembrar que as informacións relativas a suicidios están suxeitas, como todas, aos mandatos do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, que obrigan ao conxunto de profesionais a difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, utilizar métodos dignos para obter información ou imaxes e respectar o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, especialmente en casos ou acontecementos que xeren situacións de aflición ou dor.

Como primeira causa de morte por motivos non naturais en España, o suicidio é un tema sobre o que os medios de comunicación teñen a obriga de ofrecer información responsábel. Porén, abórdase en contadas ocasións ou, como estamos a ver agora mesmo, vinculándoos a outro asunto e a través de seccións, como a de sucesos, que non son as máis axeitadas para un tratamento en profundidade. Cómpre falar desde o xornalismo da prevención do suicidio e das saídas dispoñíbeis para evitar esa morte, así como da atención ás persoas afectadas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia