O Colexio de Xornalistas lamenta a decisión de Prisa de pechar Localia Televisión

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta a decisión do Consello de Administración de Pretesa, filial do Grupo Prisa, de cesar a actividade de Localia Televisión desde o 31 de decembro deste ano.
Sen entrar a analizar os motivos que levaron á empresa a adoptar esta medida, esta Xunta de Goberno entende que o peche dun medio de comunicación é unha mala noticia, non só para os empregados que nel traballan, senón para o conxunto da sociedade que perde unha voz do sistema mediático.

O CPXG insta a Prisa a recolocar os empregados afectados, tendo en conta que un grupo de comunicación do seu tamaño debe poder atopar mecanismos que eviten as solucións traumáticas para aqueles que traballaron para sacar adiante o proxecto televisivo de Localia.

Esta Xunta de Goberno tamén quere valorar que Utega, a empresa que xestiona a meirande parte das emisoras de Localia en Galicia, teña comunicado que pretende continuar adiante coas emisións, nomeadamente na actual situación de crise económica.

O Colexio de Xornalistas agarda que ese anuncio se materialice na práctica, que se faga mantendo tódolos postos de traballo e que ese proxecto contribúa a dotar a Galicia dun sistema propio de medios de comunicación.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2008