O Colexio de Xornalistas lamenta a decisión do TEDH e reclama unha vez máis xustiza para José Couso

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que o ditame emitido polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos avalando o arquivo do caso Couso é "unha pedra máis no muro de impunidade" do asasinato do camarógrafo ferrolán e lembra que a indefensión das e dos xornalistas pon en perigo o dereito á información de toda a cidadanía. 

Nun ditame feito público este xoves, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), por decisión unánime, avala o arquivo da causa relativa ao asasinato do camarógrafo José Couso en Irak en 2003, considerando "lexítimas" as razóns do Goberno de España para realizar a reforma lexislativa que levou á restrición da "xustiza universal", que autorizaba até ese momento aos tribunais españois a perseguir infraccións graves cometidas no estranxeiro contra os seus cidadáns. A resolución da corte europea asegura tamén que no caso específico de José Couso se realizaron "esforzos considerábeis" entre 2003 e 2015 para determinar a responsabilidade da morte do camarógrafo e salienta o feito de que as autoridades estadounidenses rexeitaron entregar os militares acusados da morte, o que impediría a realización dun proceso. Contra este ditame pode presentarse un recurso no prazo de tres meses. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente esta nova resolución que afonda na indefensión e na falta de investigación do asasinato de José Couso. Para alén das valoracións sobre a responsabilidade das distintas administracións, ou do necesario respecto ás decisións xudiciais, a realidade é que, con esta decisión, o Tribunal de Estrasburgo coloca unha pedra máis no muro de impunidade que se levantou desde hai máis de vinte anos sobre o caso do camarógrafo ferrolán. E a falta de castigo para o asasinato de xornalistas é unha mensaxe que a sociedade non se pode permitir lanzar, posto que condena á indefensión aos e ás profesionais da comunicación que traballan en todo o mundo e pon en grave perigo o dereito á información da cidadanía. O Colexio de Xornalistas esixe, unha vez máis, xustiza pola morte de Couso, unha reclamación que é tan necesaria para a reparación do seu asasinato como para a salvagarda da liberdade de información. 

José Couso Permuy faleceu o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Irak cando un carro de combate de Estados Unidos disparou contra o Hotel Palestine de Bagdad. Nese ataque tamén morreron o camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense pronunciado en repetidas ocasións a favor da investigación do seu asesinato. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia