O Colexio de Xornalistas lamenta a resolución xudicial que supón o sobresemento da causa do asasinato de Couso

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta que a Sala Segunda do Tribunal Supremo confirmara este xoves o sobresemento da causa que investigaba o asasinato do cámara ferrolán José Couso, rexeitando presentar cuestión de inconstitucionalidade contra a última reforma da xustiza universal. O Tribunal desestima así os recursos interpostos pola familia do cámara e pola Asociación Libre de Abogados contra o auto do 25 de novembro de 2015 polo que a Audiencia Nacional acordaba o arquivo da causa

Porén, na sentenza do Supremo, o xuíz Carlos Granados afirma que “a morte causada violentamente dun profesional da información cando estaba no exercicio das súas funcións, nas circunstancias que se infiren do que se describe nos escritos presentados, constitúe un ataque non xustificado por parte de forza armada á poboación civil” e lamenta a la “escasa cooperación judicial prestada polas autoridades dos Estados Unidos para o esclarecemento dos feitos”. 

A razón do sobresemento encóntrase na reforma da Lei da Xustiza Universal, que lles quitou aos tribunais españois a xurisdición para investigar delitos cometidos en época de guerra no estranxeiro. O Supremo rexeita presentar cuestión de inconstitucionalidade, lembrando que só se pode promover cando o Tribunal considere que unha norma con rango de lei aplicable ao proceso poida ser contraria á Constitución. O auto recorda qtamén que o sobresemento ten efectos similares ao sobresemento provisorio, posto que se pode reiniciar o procedemento en caso de que se constatara que concurren os requisitos para activar a xurisdicción española. A familia de Couso xa expresara a súa intención de recorrer ao Tribunal Europeo de Derechos Humanos de Estrasburgo no caso de que o Supremo non aceptara o seu recurso.

José Couso Permuy faleceu o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Irak cando un carro de combate de Estados Unidos disparou contra o Hotel Palestine de Bagdad. Nese ataque tamén morreron o camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense pronunciado en repetidas ocasións a favor da investigación do seu asesinato e organiza, desde 2004 e xunto ao Club de Prensa de Ferrol, o Premio José Couso de Liberdade de Prensa na súa memoria.

CPXG