O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente o falecemento de Andrés Ríos

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, quere transmitir o pesar da profesión e as súas condolencias a toda a familia e persoas achegadas do xornalista e colexiado Andrés Ríos, falecido o venres 5 de setembro. 

Nado en 1958 na Coruña, Andrés Ríos Mejuto comezou a súa carreira profesional en Radio Cadena Española, para traballar posteriormente en Radio 80 e Televisión de Galicia, ademais de colaborar como comentarista en diversas emisoras. En 1984 entra como redactor en El Ideal Gallego e o seu nome quedaría vinculado aos xornais do grupo La Capital. Nesa cabeceira traballaría nas seccións de Local, Nacional, Internacional e Deportes, e chegaría a dirixir esta última. No ano 2000 incorpórase a DxT Campeón como redactor xefe, e nove anos máis tarde pasaría a dirixir este xornal deportivo. En 2022 regresou a El Ideal Gallego para compaxinar a dirección deste xornal coa coordinación do resto de cabeceiras do grupo, e en 2024 foi nomeado director de relacións institucionais de La Capital, cargo que ocupou até o pasado mes de febreiro. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o pésame á súa familia e persoas achegadas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia