O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente o falecemento de Francisco Varela
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente o falecemento este xoves 18 de decembro do xornalista e colexiado Francisco Varela Cachaza, e quere trasladar o pésame de toda a profesión á súa familia e persoas achegadas.
Nado hai 73 anos no barrio ferrolán de Canido, Francisco Varela Cachaza tivo que comezar a traballar moi novo, xunto aos irmáns, logo de que o seu pai fora arrestado en 1942 e pasara dous anos nos cárceres franquistas, unha condena que os Varela conseguiron anular este mesmo ano. Tras pasar polo porto de Ferrol, en febreiro de 1973 entra na delegación de La Voz de Galicia na cidade departamental, onde desenvolverá toda a carreira xornalística até a súa xubilación en setembro de 2017. Tras realizar informacións de moito tipo, especializouse na crónica xudicial, onde a súa pegada foi moi importante na cidade. Destaca tamén a súa cobertura de temas como o recoñecemento do amianto como enfermidade profesional ou a memoria histórica. Profundamente solidario, logo de xubilarse pasou a formar parte da asociación ferrolá de loita contra as drogodependencias Asfedro.
O seu velatorio está a realizarse na sala 1 do tanatorio San Lorenzo de Narón, e ás 12 do mediodía sairá o sepelio cara ao cemiterio municipal de Catabois. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere transmitir as condolencias e o cariño de toda a profesión a toda a súa familia e amizades.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia