O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente o falecemento de Pepe Lorenzo
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no nome de toda a profesión, recibe con tristura a nova do falecemento do colexiado Pepe Lorenzo a noite do pasado sábado na Coruña e traslada as súas condolencias á familia e achegados
Xosé Lorenzo Regal, máis coñecido como Pepe Lorenzo, nacera en Ferrol hai 68 anos, onde comezou a súa carreira xornalística en El Ideal Gallego e posteriorrmente exerceu de xefe de prensa do Concello co primeiro goberno municipal democrático. Exerceu de crítico teatral en diversas cabeceiras da prensa galega e foi responsábel de comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia na lexislatura 2005-2009. Na Coruña, creou a Filtro, unha das primeiras empresas de comunicación de Galicia, e levou a cabo traballos para o Porto da Coruña, a Confederación de Empresarios, o antigo Hospital Juan Canalejo ou a Universidad Internacional Menéndez Pelayo, entre outros. Foi tertuliano habitual de distintos medios de comunicación e vogal do Consello Asesor de Radiotelevisión Española en Galicia, así como membro do Club de Prensa de Ferrol e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O velatorio de Pepe Lorenzo está a realizarse no tanatorio Servisa da Coruña, onde as 17:00 da tarde terá lugar a cremación dos seus restos. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o cariño de toda a profesión á súa familia e persoas achegadas.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia