O CPXG lembra a necesidade de especial protección do dereito á información

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa perplexidade ante a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia Nº 5 de Ourense que condena ao xornalista José Manuel Rubín Carballo e ao xornal La Voz de Galicia por un artigo publicado o 4 de outubro de 2015 no que criticaba a escasa actividade do senador do Partido Popular Miguel Ángel Pérez de Juan.  O fallo indica que na frase “hoy sabemos que en cuatro años no hiciste ni una pregunta, ni una interpelación, ni nada de nada en el Senado. Cobrar y callar” o xornalista cometeu unha intromisión ilexítima no seu dereito ao honor. 

Esta Xunta de Goberno quere lembrar, unha vez máis, que o dereito á liberdade de información é un dos alicerces esenciais dun Estado democrático. Aínda que o honor tamén é un dereito fundamental, hai unha amplísima xurisprudencia que establece a prevalencia e especial protección do dereito á información, particularmente cando o obxecto da crítica é un cargo público necesariamente sometido ao control das institucións, a prensa e a opinión pública. 

Non corresponde a este Colexio Profesional achegar argumentos xurídicos, pero é insólito que, coa cantidade de resolucións do Tribunal Supremo e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que protexen especialmente o dereito de opinión e información, se teña producido un fallo como este. 

Consideramos necesario reflexionar tamén sobre o feito de que se acepten a trámite este tipo de denuncias (como a que afecta á xornalista Cristina Huete e que está á espera de sentenza) polo seu posible efecto intimidatorio no desenvolvemento do labor xornalístico. Agardamos que en ambos casos se impoña o sentido común.

Por outra banda, a Xunta de Goberno do CPXG quere manifestar a súa satisfacción pola sentenza do Xulgado de Instrución Nº 4 de A Coruña que condena a dous usuarios dunha rede social por ameazar a tres xornalistas de La Voz de Galicia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade de dereito público que representa aos xornalistas galegos segundo a lei 2/1999 de 24 de febreiro acordada polo Parlamento de Galicia, ten a obriga legal de velar pola independencia e a liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, e de defender, conforme ao artigo 20.1 da Constitución Española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia