O Colexio de Xornalistas lembra a necesidade de respectar as recomendacións sobre o tratamento da información sobre violencia machista

Tras recibir queixas de colectivos sobre o tratamento nos medios galegos dalgunha información relacionada con denuncias de agresións sexuais, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar a necesidade de respectar o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego (CDXG), así como as recomendacións da Declaración de Compostela

En concreto, é necesario salientar a necesidade de “Observar sempre unha clara distinción entre feitos e opinións ou interpretacións, evitando [...] a difusión de suposicións e rumores” (Art. 1 do CDXG) e de “difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas e provocar un dano ou descrédito inxustificados” (Art. 2 do CDXG). As especulacións, especialmente aquelas que poidan redundar en culpabilización das vítimas, non teñen cabida nun xornalismo responsábel. 

Asemade, tendo en conta que as agresións sexuais están contempladas como violencia de xénero dentro da Declaración de Compostela (Art. 2), cómpre lembrar que ”ante este este tipo de delitos non cabe a neutralidade” e que os medios deben adoptar “un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero” (Art. 4 da Declaración de Compostela). Especialmente grave é a aparición de estereotipos que poidan xustificar en calqueira maneira a agresión sexual ou responsabilizar a vítima (Art. 11 da Declaración de Compostela: “a vítima nunca é responsábel do feito violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que a culpabilice”). Neste sentido, é preciso tamén apelar ao Art. 10 do CDXG, que recolle a obriga de “observar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas informacións e opinións relativas a causas ou procedementos penais en curso”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apela á responsabilidade dos medios de comunicación galegos para respectar estes e outros artigos do Código Deontolóxico e da Declaración de Compostela á hora de informar sobre denuncias de agresións sexuais. Só así pode conseguirse un xornalismo comprometido coa desta lacra que significa unha violación dos dereitos humanos e un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia