O Colexio de Xornalistas lembra que as características étnicas das persoas implicadas só deben incluírse de seren necesarias para a información

Ante a denuncia recibida polo tratamento informativo dun suceso producido en Ourense, e tras comprobar que en numerosos medios se fai referencia á "etnia" dos detidos, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas lembra que este tipo de características só deben incluírse nos casos nos que sexan estritamente necesarias para a comprensión da información.

O propio Código Deontolóxico do Xornalismo Galego establece no seu artigo 12 que é necesario "actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razóns de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural". Ademais, as Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e minorías éticas destacan que a inclusión deste tipo de características sen ser necesarias "estabelece dicotomías do tipo eles / nós, que afastan ás minorías do resto da poboación", e engade que o coidado debe ser aínda maior no caso de "conceptos tan contestados como os de 'etnia' ou 'raza', dos que se ten discutido a súa utilidade para a caracterización dos grupos humanos".

Cómpre que os e as xornalistas se comprometan coa loita contra os estereotipos respectando as recomendacións e tendo especial coidado no referente á inclusión deste tipo de datos. O seu traballo é esencial para combatir a estigmatización e a marxinación, a para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia