O Colexio de Xornalistas pide reunirse cos grupos parlamentarios para tratar o anteproxecto de lei dos medios públicos
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solicitou xuntarse cos grupos parlamentarios galegos para trasladarlles as preocupacións da profesión xornalística galega sobre o anteproxecto de lei para os medios públicos, así como para coñecer a postura dos distintos partidos políticos. Así mesmo, fai públicas as súas suxestións sobre o texto aprobado no Consello da Xunta, presentadas o pasado mes de agosto dentro do proceso de exposición pública.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de solicitar xuntanzas aos diferentes grupos parlamentarios galegos para expresarlles a súa preocupación sobre o Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital. Os encontros servirán que o órgano de representación dos e das xornalistas lles traslade as súas valoracións e achegas, ademais de para coñecer a posición dos distintos partidos políticos, antes de que se inicie a tramitación na cámara do anteproxecto.
Ademais, o Colexio de Xornalistas disponibilizou na rede o documento coas súas suxestións sobre o texto aprobado en xullo polo Consello da Xunta de Galicia, presentado o pasado mes de agosto dentro do proceso de exposición pública aberto naquela altura. Na liña do que xa manifestou logo da aprobación do anteproxecto, as achegas do CPXG pretenden salvagardar algúns aspectos vítimas de retrocesos ou directamente eliminados do devandito anteproxecto, principalmente aqueles relativos á independencia do poder político, a designación da dirección xeral por maioría reforzada ou a posta en marcha do estatuto profesional, do consello de informativos e dos órganos de control externo.
Máis concretamente, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou alegacións a quince dos cincuenta e nove artigos do anteproxecto, así como á disposición adicional segunda e á disposición derradeira terceira. Nelas, sinálase a necesidade de conservar e custodiar os documentos e materiais audiovisuais que formen parte do patrimonio documental de Galicia, de prohibir a cesión a terceiros dos servizos informativos, de manter o galego como "lingua da Corporación" ou de que os e as xornalistas da Corporación participen na elaboración das normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos, ademais doutras cuestións como as apuntadas anteriormente.
CPXG