O Colexio de Xornalistas, preocupado polo secuestro de 'Fariña', reclama respecto para a liberdade de información

Capa do libro

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación polo secuestro do libro Fariña, do xornalista Nacho Carretero e reclama que se respecte a liberdade de información.

En xaneiro do ano pasado, o ex rexedor do Grove Alfredo Bea Gondar denunciou ao xornalista e escritor galego Nacho Carretero por un suposto delito de "inxurias e calumnias". Carretero relacionábao en dúas pasaxes do seu libro Fariña coa comisión de delitos relacionados co narcotráfico galego, unha acusación pola que fora condenado pola Audiencia Nacional no 2005 pero máis tarde absolto polo Supremo, ao invalidarse a declaración dun arrepentido. A consecuencia da denuncia de Bea Gondar, onte, a xuíza Alejandra Pontana ordenaba o secuestro cautelar da publicación e a retirada do libro, do que a editorial Libros del KO acababa de distribuír 10.000 exemplares da súa décima edición. 

Independentemente do que poidan decidir os tribunais sobre a acusación de inxurias e calumnias, o Colexio de Xornalistas quere expresar a súa extrema preocupación polo secuestro do libro, unha decisión completamente desproporcionada que pon en perigo a liberdade de información. Se a investigación xornalística de Carretero é extensa e rigorosa, non se entende que se retire toda a publicación por unha única sentenza, máxime cando Bea Gondar é apenas citado dúas veces nun libro de case 400 páxinas. Por outra banda, resulta evidente que, no contexto actual a medida cautelar tampouco ten efectividade para impedir a difusión do contido denunciado, e onte mesmo Fariña situábase como o libro máis vendido en plataformas de venda por internet. 

Neste sentido, a única consecuencia efectiva do secuestro ordeado pola xuíza é a de pór trabas á libre difusión da información recompilada con rigor no libro. O Colexio de Xornalistas quere, pois, expresar a súa solidarizade con Nacho Carretero e a súa fonda preocupación por esta medida cautelar, reclamando ao mesmo tempo que se respecte escrupulosamente a liberdade de información. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia