O Colexio de Xornalistas presenta alegacións ao anteproxecto de lei do segredo profesional
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou esta semana alegacións ao Anteproxecto de Lei Orgánica Reguladora do Dereito ao Segredo dos Profesionais da Información. As consideracións do Colexio buscan introducir a valoración da titulación universitaria dentro da definición de xornalista e facer respectar o papel dos colexios de xornalistas como garantes da deontoloxía profesional.
O pasado 22 de xullo, o Consello de Ministros aprobou o texto do Anteproxecto de Lei Orgánica Reguladora do Dereito ao Segredo dos Profesionais da Información. Como xa manifestara naquel momento o Colexio de Xornalistas, a consecución desta reclamación histórica da profesión xornalística víase empañada porque o documento se redactara sen ter en conta nin a este nin a ningún outro dos colexios integrados na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, así como que ignorara a titulación e a colexiación como garantes do respecto ao código deontolóxico e da información profesionalizada.
Por esta razón, o Colexio de Xornalistas presentou esta mesma semana un documento de alegacións ao anteproxecto, coa vontade de garantir a profesionalidade, a independencia e a calidade no exercicio do xornalismo. En concreto, as alegacións precisan a definición de “profesional da información” incorporando o requisito da titulación universitaria en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual e revisan tamén as definicións de servizo de comunicación e de prestador de servizos de medios de comunicación, para garantir o seu carácter profesional e a observancia do código deontolóxico. De igual xeito, sinalan os colexios profesionais como encargados de facer efectiva a autorregulación e introducen unha disposición adicional para a creación do Consello de Colexios de Xornalistas como garante da deontoloxía profesional, así como unha disposición transitoria que permita temporalmente a inscrición de profesionais en activo sen titulación nun rexistro profesional supervisado polo devandito órgano.
Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vólvese solicitar ao goberno español que rectifique o menosprezo que fai o anteproxecto tanto das universidades, formadoras en xornalismo e comunicación, como dos colexios de xornalistas, corporacións de dereito público que representan as e os informadores, e modifique o texto para garantir o respecto ás ditas institucións, creadas polos propios poderes públicos, así como a salvagarda dun xornalismo profesional e que se ateña aos códigos deontolóxicos.
CPXG