O Colexio de Xornalistas publica un informe e un decálogo de boas prácticas sobre o uso da IA nos medios
O Colexio de Xornalistas dispoñibiliza A intelixencia artificial nos medios de comunicación, un informe sobre os desafíos da introdución desta tecnoloxía no xornalismo que se complementa cun decálogo de recomendacións. O documento parte da xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades celebrada en abril e dos seminarios que a complementaron, un programa realizado co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, vén de publicar o documento A intelixencia artificial nos medios de comunicación: Informe e decálogo de boas prácticas. O relatorio, que aborda as implicacións máis relevantes do uso desta tecnoloxía no xornalismo, foi realizado a partir das achegas da xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades celebrada o pasado 7 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa colaboración da Facultade e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; así como dos webinars que complementaron o evento.
O informe atravesa as cuestións máis candentes dunha revolución tecnolóxica que evoluciona de maneira vertixinosa, provocando no mundo da comunicación numerosos desafíos non so a un nivel deontolóxico senón tamén técnico, profesional ou mesmo laboral. Ao longo de máis de cincuenta páxinas trátanse temas como os marcos legais da intelixencia artificial, os cambios necesarios na organización das redaccións e os medios, os nesgos culturais e tecnolóxicos, os requisitos de privacidade e trazabilidade ou o debate sobre cara a onde debe camiñar a tecnoloxía no futuro. Todo isto desde a perspectiva de que a intelixencia artificial, coas súas sombras e luces, é xa unha tecnoloxía que chegou para quedar no eido da comunicación.
O relatorio compleméntase cun decálogo que estabelece unha serie de recomendacións e principios reitores do uso da IA no xornalismo a partir de dez palabras clave: ferramenta, valores, revisión, responsabilidade, límites, transparencia, diversidade, seguridade, revisión e implicación. Este documento pretende ser un pequeno manual de boas prácticas para a presenza destas ferramentas nas redaccións, pero ao mesmo tempo quere ser un documento aberto porque a innovación constante no mundo da intelixencia artificial fai que esta disciplina mude de forma case diaria.
Na xornada que foi punto de inicio deste documento, que pode verse na canle de YouTube do Colexio, participaron Verónica Bolón, Alba Meijide, Patricia Ventura, Alba Chao, Marcus Fernández, Raúl Romar García, Xabier Rolán e Ramón Salaverría. Ademais, o informe partiu tamén do contido dos webinars impartidos por Diego Vázquez, Sergio Aramburu Guillán, Alberto Garnil e Mónica López Golán e Patricia Comesaña Comesaña, que están dispoñíbeis para colexiados e colexiadas na plataforma de formación do CPXG.. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere agradecer a todos eles as súas achegas a este documento tan necesario para a profesión, así como tamén á Secretaría Xeral de Medios, a Facultade de Ciencias da Comunicación e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática.
CPXG