O Colexio de Xornalistas reclama a incorporación de editoras de xénero aos medios galegos
Con motivo da conmemoración, este 25 de novembro, do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere reivindicar unha vez máis o necesario papel das editoras de xénero como garantes do compromiso tanto coa loita contra a violencia machista nos contidos como contra a existencia de agresións e abusos de poder contra as propias xornalistas dentro das redaccións.
Ás portas de se cumpriren vinte anos da Declaración de Compostela, resulta evidente que se fixeron numerosos progresos na identificación das distintas violencias machistas e na loita contra este tipo de atentado contra os dereitos humanos, tanto desde o eido do xornalismo como no conxunto da sociedade. Mais as estatísticas, ano tras ano, reflicten unha negra e dolorosa realidade que salienta todo o traballo que aínda queda por facer. As 52 asasinadas recoñecidas este ano no Estado polo Ministerio de Igualdade, dúas delas en Galicia, son só a punta dun iceberg que, afortunadamente, cada vez máis sectores da profesión ven conformado por outro tipo de violencias, como a vicaria, os abusos sexuais, o acoso, os insultos ou a discriminación laboral.
É preciso continuar a dar pasos para que o xornalismo siga o ritmo dunha sociedade que quere avanzar no rexeitamento a todas as violencias sexistas. Por esa razón, xa hai tempo que o Colexio de Xornalistas vén reclamando a necesidade de crear, nos medios de comunicación, unha figura que vele polo correcto tratamento das cuestións relacionadas co xénero. Coñecida habitualmente co nome de editora de xénero, é cada vez máis habitual en medios de todo o mundo, logo de que o The New York Times creara o posto en outubro de 2017, nomeando a Jessica Bennett como a primeira persoa para ocupalo. Porén, na nosa contorna semella que as empresas de comunicación seguen sen se decidir a dar o paso, valente e preciso, de crear esta figura nos seus cadros de persoal, mentres que desde a administración tampouco se toman medidas para promocionala.
A presenza de editoras ou comités de xénero pode ter unha utilidade dupla para os medios de comunicación. En primeiro lugar, a de vixiar para que se dea efectivamente un tratamento non sexista a toda a información, independentemente do xénero ou a sección, eliminando todo tipo de estereotipos que só serven para perpetuar o machismo e o supremacismo de xénero, estruturas que son a base oculta das violencias sexistas contra as que temos que seguir loitando. As editoras de xénero poden corrixir tratamentos non axeitados, ofrecer perspectivas máis amplas sobre coberturas a longo prazo, salientar eivas informativas que pasen desapercibidas polos tempos cada vez máis frenéticos da profesión ou mesmo recomendar expertas e líderes de opinión que sirvan para combater a hipermasculinización das fontes informativas.
Mais tamén é preciso lembrar que a loita contra o machismo comeza no seo das redaccións. Os medios teñen que facilitar tamén a supresión de teitos de cristal e fendas salariais, a presenza das mulleres nos postos de responsabilidade e de maior visibilidade, a protección das xornalistas contra todo tipo de abusos e agresións sexistas. Segundo unha enquisa feita pública estes días pola asociación Xornalistas Galegas, o 78% das comunicadoras da nosa comunidade sufriu en primeira persoa comentarios ou actitudes machistas no traballo, unha situación á que cómpre pór fin de maneira inmediata. Especialmente preocupante é o ciberacoso e a violencia online, formas de abuso crecentes cunha marcada compoñente de xénero: o 74% das comunicadoras de todo o mundo teríanas sufrido segundo datos da Unesco. A introdución dunha figura que vele pola igualdade de xénero ha servir tamén para responder a estas situacións ante as que o xornalismo galego non pode fechar os ollos.
Por todo isto, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volve facer un chamamento ás direccións de todos os medios de comunicación galegos para que incorporen editoras de xénero ou figuras equivalentes, comprometéndose con iso a dar novos pasos na consecución da igualdade tanto dentro como fóra das redaccións. Así mesmo, solicita á Xunta de Galicia que tome medidas para a elaboración de plans que promovan e favorezan a creación destes postos nas empresas comunicativas, contribuíndo entre todas a conseguirmos unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia